A exposición de pintura "Só son humano, despois de todo", de Marinela Fontoira estará na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia ata o 30 de xuño

A artista plástica pontevedresa afincada en Madrid ofrece nas súas obras abstracción figurativa, con paisaxismo abstracto e figuras realistas cheas de expresividade e movemento
Madrid, 5 de xuño de 2017

A artista plástica pontevedresa afincada en Madrid Marinela Fontoira ofrece a súa exposición de pintura "Só son humano, despois de todo" na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia ata o 30 de xuño. As obras, que ocupan as salas A e L do edificio, caracterízanse por un estilo propio no que funde paisaxismo abstracto e figuras realistas cheas de expresividade e movemento, xunto cunha gran riqueza cromática.

A presentación do acto de inauguración correu a cargo do Coordinador de Actividades Culturais, quen o fixo en nome do delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega. Jiménez lembrou nas súas palabras que xa cando coñeceu a obra de Marinela quedou "fondamente impresionado", porque lle pareceu que tiña unhas sinais de identidade propias que de entrada desconcertaban. Explicou que o motivo do "desconcerto" era porque estamos afeitos a clasificar a pintura nos apartados de sempre, pintura figurativa, abstracta, impresionista, expresionista... "algo que achega tranquilidade, porque nos sentimos seguros ao orientarnos entre as coordenadas de sempre, que coñecemos ben". Non era o caso da obra de Marinela. "Con Marinela, non sabemos de entrada a que carta quedarnos. E é que a ela gústalle representar, sobre fondos abstractos, figuras realistas, formas e rostros recoñecibles, co que provoca un efecto máis que se suma ou mesmo multiplica os estilos, de creación dun estilo diferente, privativo dela, unicamente seu", sinalou. Os cadros de Marinela contan historias "é dicir que realiza unha pintura narrativa que despois será lida por cada espectador dunha maneira tamén única". Resaltou ademais que na pintura de Fontoira pódese apreciar "unha gran axilidade tanto do pincel como do movemento provocado por él", e así moitas das pequenas figuras humanas reflectidas nas obras parecen exercitarse en acrobacias, danzas ou diversos exercicios ximnásticos, cando menos pasean, móvense nun cosmos afastado que semella galaxias de cores. "Quizá ese fose o obxectivo final de Marinela, o de situar ao ser humano no lugar que lle corresponde, ou sexa como un punto insignificante na inmensidade do Universo, e a pesar de todo "ou despois de todo- darlle a dignidade dun rostro reconocible, de poñerlle cara á súa infinita desventura de soidade".

Pola súa banda, Marinela Fontoira, no amplo capítulo de agradecementos quixo citar ao escritor Alfredo Conde, autor do prólogo do catálogo, profesor na EXB e unha das primeiras persoas que a achegou á arte. "Acórdome perfectamente de estar a ver diapositivas en clase e quedarme fascinada mirando as imaxes dos cadros de Rubens, a cúpula da Capela Sixtina de Miguel Ángel ou o "Apolo e Daphne" de Bernini, e logo chegar a casa e buscar información en libros de pintura e arte que tiñan os meus pais". Tamén tivo palabras de recoñecemento para cuantos a acompañan, aínda que sexa vía WhatsApp, "neste traballo tan solitario", especialmente ao seu irmán Manuel, que é debuxante e sempre lle achega sabios consellos aos que ela fai sempre caso.

E xa centrándose na exposición,cuxos cadros pintou este ano e o pasado, explicou que todos eles teñen en común que narran unha historia. "Os fondos, abstractos e oníricos, sitúan ao espectador nun estado emocional, e a figura ou figuras coas súas posturas e expresións van un pouco máis aló, son o instrumento fundamental de comunicación do cadro e fan que este cobre vida e nos conte qe está a pasar. En xeral, son cadros simbólicos impregnados dun gran romanticismo, que suxiren metáforas, alegorías, ilusións ou fantasías, e tratan de transmitir a idea de procura interior dun mesmo, por iso resultan introspectivos e subxectivos". Os títulos son pistas para intuír unha posible historia, pero como cada cal ten as súas vivencias interpretaraa dun modo diferente segundo o que lle indiquen a súa cabeza e o seu corazón. E iso é o que lle gusta á artista, "a variedade de sentimentos que se poidan producir ao observalos. É como cando les un relato ou un libro con final aberto e es ti mesmo o que o pecha e remata segundo lle  pareza".

En relación á inspiración, Marinela atópaa nas persoas e na vida mesma. "O que máis me gusta pintar é xente e dalgunha maneira reflectir o seu interior". Para iso, ademais e dado que procede dunha familia moi melómana, faino sempre con música. "Nútrome de música e non entendo que pase un só día da vida sen escoitala. Para min é imprescindible". A música é tamén a súa inspiración. "Pásame moi a miúdo que oio unha canción que me punza a alma e entón teño que pintala, e ata que o fago non paro", engadiu.

A exposición de Marinela Fontoira, cuxas obras ocupan as salas A e L do edificio, poderá verse ata o 30 de xuño, en horario de: laborables de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes