A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia ofrece ata o 30 de xuño a exposición de pintura "Mirando o Mar" de Teresa Irisarri

Os cadros da artsita viguesa son como xanelas polas que asomarse a un mundo máxico
Madrid, 6 de xuño de 2017

A sala B da Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolle ata o día 30 de xuño a exposición de pintura "Mirando ao mar" de Teresa Irisarri, na que a artista viguesa ofrece unha mostra composta por cadros de amplo formato e vivas cores, que son como fiestras polas que se pode ver un mundo máxico, cheo de seres imaxinarios inspirados en mitos primitivos e antigos contos infantís.

O coordinador de Actividades da Casa Ramón Jiménez foi o encargado, en nome do delegado da Xunta e director da Casa de Galicia José Ramón Ónega, de dar a benvida ao acto de inauguración e presentar ás intervenientes. Nas súas palabras, antes de dar paso á presentadora a escritora Goretti Irisarri, sinalou algúns dos aspectos máis relevantes da traxectoria profesional da artista e da exposición que hoxe nos ocupa. Teresa Irisarri é licenciada en Belas Artes e realizou diversas exposicións individuais e colectivas. Sinalou que ademais é unha destacada ilustradora de murais, animacións interactivas, relatos e portadas de revistas. "Sobre a súa obra pictórica di que fai referencia ao mar, polos tons azuis e os personaxes mariños, e tamén á música e ao misterio da morte e os espíritos", dixo. Jiménez recomendou "o espléndido prólogo ao catálogo que elaboramos para a ocasión, escrito polo historiador de arte Francisco Singul".

Para a escritora Goretti Irisarri, "a pintura de Teresa ten sen dúbida alma galega". Explicou que se inspira en mitos primitivos, pero tamén nos antigos contos infantís, "esas narracións que souberon transmitir os nosos medos e desexos durante xeracións". Para iso, a artista utiliza cadros de amplo formato e cores vivas. Son "Grandes xanelas onde flotan hipocampos ou sirenas, seres imaxinarios que nos lembran poéticas moi antigas da terra e o primixenio mar que esqueceramos".

En palabras de Singul, "É precisamente ese hipnótico imaxinario de animais fantásticos e seres inventados que conecta co subconsciente, co mundo onírico e coas tradicións mitolóxicas mediterráneas, continuadas en bestiarios e capiteis medievais, o que nos atrae desta pintura tan vitalista e rotunda. Comparten espazo no mesmo lenzo dragóns ou sirenas con humanos e outros zoomorfos máis recoñecibles e domésticos, gatos e paxaros, que conforman incertos vínculos, á vez que flotan nun ámbito de hipnótico acougo. Unha tranquilidade atemporal, mitolóxica, que contrasta coa violenta contraposición cromática que define con xeometrismo férreo a paisaxe e as súas figuras".

"A arte pictórica de Teresa Irisarri", segue dicindo a presentadora, "é expresionista, con cores intensas, que transmiten paixón. As cores dos seus cadros buscan fundirse coa arte da Música nun efecto de sinestesia: que o azul, o verde, o branco cheguen a harmonizarse e contrapoñerse como notas musicais".

Ademais, "Teresa Irisarri é unha artista de longa traxectoria en Galicia e Madrid, detentadora dun amplo espectro creativo que vai desde a pintura á cerámica, pasando pola serigrafía e deseño téxtil ou a ilustración, o que dá conta da súa plena vocación de creadora. Pero é na pintura, nos seus grandes lenzos-xanela, onde atopa a súa máxima expresión".

Pola súa banda, Teresa Irisarri dixo para explicar a súa pintura, que simplemente se deixa levar. "A pintura dá sentido á miña vida e como vivo á beira do mar, pinto sobre el e sobre o que imaxino que hai nel" e ademais quixo dedicar a mostra á súa familia, que sempre a apoiou, aos seus pais, Javier e Aurora;  e aos seus irmáns, Goretti, Fabiola, Javier, Gabriela, Maruxa e Ana.

A exposición de Teresa Irisarri, cuxas obras ocuparán a Sala B do edificio, poderá verse ata o 30 de xuño, en horario de de 10 a 14 e de 16 a 20 horas os días laborables. Domingos e festivos de 10 a 14 horas.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes