A Casa acoge este mes a exposición de fotografía "Rías Baixas. O viño do mar" de Xurxo Lobato, organizada en colaboración coa D.O. Rías Baixas

Ao acto asistiron destacadas personalidades entre elas o exministro César A. Molina e as científicas Marisol Soengas e Mª Teresa Miras Portugal
Madrid, 8 de septiembro de 2015

A Casa de Galicia acolle ata o 28 deste mes a exposición de fotografía "Rías Baixas, o viño do mar, ou viño do mar, The wine of the sea" cunha trintena de imaxes do fotógrafo Xurxo Lobato tomadas nas bisbarras nas que se se produce o viño albariño durante as catro estacións do ano. A mostra está organizada en colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.

No acto de inauguración interviñeron, ademais do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega; o presidente do Consello Regulador da D. O. Rías Baixas, Juan Gil de Araujo; e o propio autor, o fotógrafo Xurxo Lobato. Á presentación tamén asistiron o secretario xeral e a directora de mercadotecnia da D.O., Ramón Huidobro e Eva Mínguez.

O delegado da Xunta recordou nas súas palabras que as espléndidas fotografías de Xurxo Lobato forman parte do magnífico libro do mesmo título, editado en castelán, galego e inglés con textos do xornalista Cristino Álvarez e que "é un prodixio de beleza, un milagre de expresión, unha pasada -como diría un moderno- de luz, un sentimento do que o viño é e significa no paraíso das Rías Baixas,". Neste sentido, Ónega destacou que "esta exposición tráenos un anaco máxico desa Galicia que levamos na alma, achegándonos ao universo dos mellores viños do mundo e á terra que os crea,".

O presidente da D.O. Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, espera que "esta exposición sirva para transmitir a profesionalidade e o cariño que os nosos viticultores e bodegueiros poñen no coidado dos seus viñedos e na calidade das súas elaboracións". Gil de Araujo puxo en valor "a viticultura" en Rías Baixas pola súa enorme transcendencia social e económica. Iso é o que move este Consello Regulador, día tras día, a manter un extraordinario nivel de actividade no seu labor de promoción".

Pola súa parte, o fotógrafo Xurxo Lobato, membro da Academia Galega de Belas Artes e colaborador habitual gráfico dos diarios e as publicacións máis importantes do país, definiu a mostra como "o resumo dun ano de traballo no que percorrín as cinco subzonas de Rías Baixas, en diferentes estacións, recollendo a alma e o espírito do viño. Un luxo polo que tiña que haber pagado eu". Así mesmo, asegurou que ademais das paisaxes e as terras, os tipos de viñedo en espaleira, as singulares parras, o típico minifundio, as modernas plantacións quixo tamén plasmar "o bo facer dos bodegueiros á hora de elaborar o viño". O libro ao que pertencen as imaxes da mostra foi editado polo Consello Regulador da D.O. Rías Baixas con motivo do seu 25 aniversario e recibiu o premio de Gourmand Awards Cook Book 2014 ao mellor libro de viño europeo.

Na inauguración proxectouse tamén un audiovisual coas imaxes da mostra e música do grupo Milladoiro.

Ao acto -que combinou a faceta artística coa promocional e no que se ofreceu unha copa de Rías Baixas-, contou con preto dun centenar de persoas, entre as que se encontraban algunhas destacadas como o exministro César A. Molina, -actualmente director da Casa do Lector-; as científicas Marisol Soengas e Mª Teresa Miras Portugal; os fotógrafos Marisa Flórez e César Lucas; os directores de importantes fundacións, José Luis Canido e José Mª Díaz Maroto; xornalistas especializadas como Maribel Corbacho e Hosanna Peña; a xestora cultural Rosario Sarmiento; así como profesionais do sector vinícola, como Eliseo González e Manuel de los Ríos, entre outras moitas.

A mostra poderá ser visitada na delegación da Xunta en Madrid, Casa de Galicia, ata o 28 de setembro en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas os días laborables e de 10 a 14 os domingos e festivos.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes