Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O artista lucense José María Lugilde expón en Madrid a mostra "Konfiguracions Kármicas Lugildianas" ata o primero de febreiro

A delegación da Xunta acolle unha selección de cadros e esculturas da súa última etapa caracterizada polo "Kousismo"
Madrid, 9 de xaneiro de 2013

A Casa de Galicia, sede institucional da Xunta en Madrid acolleu hoxe a inauguración da mostra de pintura e escultura do artista lucense José María Lugilde, co enigmático título, "KONFIGURACIONS KÁRMICAS LUGILDIANAS". Lugilde ofrece unha selección da súa obra na que incorpora o "Kousismo", que ven de cousas, en galego

A presentación do acto correu a cargo do coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez Pérez e nela tamén o autor explicou algúns "konceptos" da súa obra.

Jiménez comentou que "José María Lugilde é lucense da colleita do 44, e no 68 emigrou a Brasil, onde continuou os estudos de debuxo e pintura que iniciara na Fundación Bolaño Rivadeneira de Lugo, ampliados aos de gravado, escultura e deseño industrial, e a mediados ou finais dos setenta retornou a Galicia, imaxinamos que moi enriquecido de coñecementos e experiencias". Xa en 2003 expuxo na Casa, unha mostra que titulou "VISIÓNSS", con dobre S porque a Lugilde "lle gusta xogar coas palabras tanto como cos materiais cos que realiza as súas obras", mantendo "a mesma liña surrealista".
Despois de dez anos, José María "segue sendo o mesmo iconoclasta de sempre, provocador, irónico, surrealista e xenial." Para Jiménez, "José María segue sendo un neno grande que non cella no seu empeño de querer cambiar o mundo mediante a práctica da filosofía do Kousismo, tamén conK, que basicamente consiste "na integración de cousas na obra, de tal maneira que non dane o motivo por saturación, senón que axude e complemente a mensaxe que pretende difundir e expresar", segundo palabras de Adolfo de Abel Villela no prólogo ao catálogo elaborado para a ocasión.

As obras de Lugilde teñen mensaxes coas que expresan unha crítica social para deixar patente a súa desconformidade con algúns aspectos do mundo actual como o maltrato que sofre a natureza e que el simboliza coa escultura de "O kabreo de Gaia" ou o afán de mandar en "A erótika do poder".

O artista, tras os agradecementos, explicou o persoal concepto de "Kousismo", unha variante plástica na que estuda detidamente cada pequena cousa que unirá á obra ata que forme parte dela. Ese obxecto nunca aparece coa súa forma orixinal xa que é transformado para axustalo ao lugar exacto "para o que foi cavilado". Unha vez aclarado este punto, tamén se referiu ao "intrínseco". “Doulle á miña obra o valor en toda o seu espiritual nudez e para iso baséome nun pensamento aberto, crítico e evolutivo quizais movido por inquietudes cheas de sensibilidades filosóficas sociais, con beliscos de ironía que me levan a cuestionar case todo," dixo.

A mostra de Lugilde, que poderá verse ata o primeiro de febreiro, compóñena un total de 22 obras. Delas, 18 son cadros, a maioría surrealistas, e catro esculturas. A cor, os estudados trazos e o "kousismo" son a nota en común, o seu selo propio e intrasferible.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes