Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

"Lume de Biqueira: 20 anos de música", exposición retrospectiva na Casa de Galicia no mes de decembro

A banda de música afincada en Madrid pecha con este acto as súas dúas primeiras décadas de existencia
Madrid, 11 de decembro de 2018

Países como Irlanda, Francia, Reino Unido, Italia, Lituania, ou China, ademais de multitude de cidades en España converteron a Lume Biqueira nunha das bandas celtas máis internacionais e activas do panorama actual. A súa xa longa traxectoria queda recollida na exposición fotográfica retrospectiva "LUME DE BIQUEIRA: 20 ANOS DE MÚSICA", que se inaugurou esta tarde e coa que a banda pecha os actos conmemorativos do vixésimo aniversario da súa fundación, en 1998; e que poderá verse na Casa de Galicia ata o día 30 deste mes.

O delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, presentou o acto no que interviñeron o coordinador da Enxebre Orde dá Vieira, Carlos de Blas; a presidenta do Club de Xornalistas Galegos en Madrid, Pilar Falcón; así como os integrantes de Lume de Biqueira, Ángel Hernando e Fernando Molpeceres, que interpretaron algunhas pezas musicais da banda.

"20 anos non son nada, ou son moito", dixo Ónega, "porque a música, ese agasallo de Deus aos homes, naceu para dar sentido á vida, para alegrarnos a existencia, para durmir ao bebé no seu berce, para levantar o ánimo e serenar a conciencia". E citando a Aristóteles sinalou que "a música purifica as paixóns e provoca nos humanos unha alegría inocente e pura". Lembrou tamén que para Pío Baroja, "A música é un arte que está fóra dos límites da razón: está por baixo e por encima de ela".

Para Carlos de Blas, "sodes formidables, por todo. Por demostrar que a gaita pode estar con todas as músicas do mundo, aínda cando se vos tachou de pouco ortodoxos. Picasso demostrou que sabía pintar e logo fixo o que lle deu a gana. Vós tamén", e animounos a que sigan sorrindo cando tocan porque transmiten "esa alegría que contaxia". Ademais, dixo de Blas, "sodes un exemplo para as colectividades galegas, por lanzarse a comprar un local, que custou uns cartos que non todo o mundo tiña. ¡Ole, por todo! ¡Sodes formidables!".

Para Pilar Falcón, "Lume de Biqueira é o mellor exemplo de Marca España con sentimento e identidade galega. Convosco plañe a gaita no ceo máis universal", dixo.

Para Fernando Molpeceres, "nestes 20 anos pasaron moitas cousas. Os primeiros foron duros pero con empeño chegamos ata aquí e pretendemos cumprir outros vinte máis". E engadiu que esta exposición está "pensada en base ás emocións", tanto as das vivencias persoais, como as das musicais.

Pola súa banda, Ángel Hernando, non tivo máis que "palabras de agradecemento a todas cantas persoas fixeron posible esta mostra" e fixo un chamamento a que "gocen dela coa mesma emoción coa que foi montada".

A mostra recolle numerosas imaxes; unha vitrina con placas e galardóns recibidos de diferentes institucións; as esculturas que conmemoran os 20 anos, realizadas con material reciclado polo artista Pedro Ayuso; os discos da banda; logotipos; pezas de merchandising; un completo audiovisual e un espazo para render homenaxe "aos que xa non están e formaron parte das nosas vidas" .Todo iso para facer un repaso da ampla traxectoria que converteu a Lume de Biqueira (cuxo nome evoca a faísca que salta ao chocar contra o chan a punteira metálica dos zocos de outrora), na banda de gaitas "máis heterodoxa e probablemente espectacular do panorama actual da música celta en España, ademais da súa xa mencionada proxección internacional". Desde o ano 98 evolucionou ata consolidar un estilo de fusión único, que podería denominarse Música Celta Latina, coa incorporación de instrumentos como baixo eléctrico, guitarra, violín, percusión caribeña... e que lle valeu para ter sempre unha gran acollida e entusiasmo en cuantos festivais participou, relacionándose con outras formacións de medio mundo, como ocorreu este verán no Internacional Wind Music Festival en China.

Lume de Biqueira compóñena 60 músicos, e 40 alumnos que estudan gaita, percusión e iniciación á música os máis pequenos. Pertence á asociación Albedro, ten a súa sede social no número 254 do Paseo de Estremadura de Madrid, e conta con 150 socios que son quenes financian todas as actividades.

Para escoitalos ou máis información https://www.lumedebiqueira

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes