EFA Piñeiral celebra na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia unha xornada de traballo para mellorar a cualificación profesional de mozos deste ámbito en comercio e "marketing"

Unha vintena de mozos galegos coñeceron experiencias que lles poden achegar ideas para desenvolver nas súas zonas de orixe
Madrid, 20 de marzo de 2018.

A entidade Galicia-EFA Piñeiral, de Arzúa (A Coruña) pertencente á Federación de Escolas de Formación Agraria ( EFA) celebrou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia unha xornada de traballo do seu programa "Emprendemento con mozos do medio rural" cuxo obxectivo é mellorar a cualificación profesional dos mozos deste ámbito na área de comercio e "márketing" e coñecer outras experiencias que lles poidan achegar ideas para desenvolver nas súas zonas de orixe.

Os participantes, unha vintena de mozas que chegaron acompañados das formadoras Mary Espiñeira e Rocío Agra, foron saudados polo delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, quen lles dió a benvida e desexoulles un frutífero traballo.

Na xornada desenvolveuse unha mesa de experiencias na que tiveron ocasión de coñecer o funcionamento, os servizos e as actividades da Delegación da Xunta en Madrid, que, en nome do delegado, fóronlles explicadas polo coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez; o da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid ( Aegama), en cuxo nome faloulles José Cerdeira; e o da empresa de publicidade e edición Murph, por quen interveu Román Iglesias. Ademais, oíron unha conferencia sobre o potencial da internet e das comunidades dixitais ofrecida por LedsCare, a cargo do seu director e profesor da Universidade Rey Juan Carlos, Pablo Martínez de Anguita.

Os participantes na xornada achábanse realizando unha visita técnica a Madrid desde o pasado domingo, que comprendeu un ampla abanico de actividades, desde a análise de espazos singulares, como os mercados gastronómicos de San Miguel, San Antón e San Ildefonso, ao estudo de deseños de espazos en zonas comerciais como Gran Vía e Castellana, a detección de tendencias de escaparatismo e imaxe do Barrio de Salamanca e o coñecemento doutras experiencias profesionais nas que poder inspirarse nas súas potenciais iniciativas emprendedoras.

Ademais, foron recibidos o luns no Congreso pola deputada Marta González e na Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para coñecer de primeira man o labor da Rede Rural, tanto no ámbito nacional como europeo.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes