Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Xornada empresarial de Viña Costeira na Delegación da Xunta en Madrid para medios e profesionais coa presentación/showroom dos novos produtos

Máis de duascentas persoas pasaron pola Casa de Galicia para coñecer as novas referencias
Madrid, luns, 28 de maio de 2018

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu hoxe a Presentación/showroom das adegas Viña Costeira e Pazo de Toubes, unha xornada con catas dirixidas exclusivamente a medios e profesionais do sector para mostrar os novos produtos. Máis de duascentas persoas tiveron a oportunidade de coñecer  as novas referencias ao cumprirse medio século de Viña Costeira, así como o novo deseño da etiqueta, cos pequenos cadros, "unha homenaxe aos minifundios e aos vinateiros da zona, verdadeiros heroes que seguen traballando a man".

José Ramón Ónega, delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia deu a benvida aos integrantes do equipo de Viña Costeira e dirixiulles unhas palabras para desexarlles "todos os éxitos do mundo. Estades na vosa Casa e así nos gustaría que sentísedes", á vez que lles comentou que o viño estivo sempre presente na súa vida, dado que provén dunha familia de vinateiros en Mosteiro, Pol, "que non é terra de viños e por iso ían compralos ao Bierzo". Pola súa banda, o presidente da Cooperativa, Andrés Rodríguez, agradeceu "tanto o ofrecemento como as facilidades dadas. Estamos seguros que con estes ingredientes vai ser unha xornada moi intensa e produtiva".

Ademais do presidente de Viña Costeira, acudiron á Casa, a directora Comercial, Inmaculada Bernal; a delegada en Madrid da compañía, Elena Hermoso; e o enólogo Manuel Sánchez. Todos eles explicaron aos asistentes as características propias dos diferentes viños, espumosos e augardentes.

Viña Costeira supón o 40 por cento da DO Ribeiro; conta cuns 600 pequenos produtores; cada ano a colleita ofrece máis de catro millóns de botellas e é o viño branco máis consumido en Galicia. Ademais, e diso síntese especialmente orgullosa a directora comercial Inma Bernal, "en 2017 foi elixida como mellor adega do ano polos internautas de Verema. ¡Como para non estalo!".

Desde hai dous anos adquiriron unha nova adega, Pazo de Toubes, do século XVIII, con cepas plantadas en terrazas de pedra e que produce os viños da gama máis alta.

Reciben unhas dez mil vistas cada ano porque contan cun equipo de enoturismo permanente. "Pechamos en Nadal, Ano Novo e pouco máis", sinala Bernal.

A xornada, que se iniciou ás 12 e finalizou pasadas as 21 horas, e estivo amenizada pola tarde polo dúo de jazz Damy Soul.

Para máis información en www.costeira.es e en inma@costeira.es.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes