Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Xunta achega aos empresarios de Madrid as oportunidades de investimento en Galicia

A Casa acolleu a xornada "Galicia un lugar para investir" promovida polo IGAPE e AEGAMA
Madrid, 29 de febreiro de 2016.-

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a Xornada "Galicia un lugar para investir", organizada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (AEGAMA) co obxectivo de apoiar todas as actividades que contribúan a mellorar o sistema produtivo galego así como os investimentos que poidan xerar riqueza e crear emprego.

No acto interviñeron o delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa José Ramón Ónega López; o director xeral do IGAPE, Javier Aguilera Navarro; o subdirector Apoios de DGPYME, Antonio Fernández Ecker; e o presidente de AEGAMA, Julio Lage González.

Nas súas palabras Javier Aguilera referiuse á importante mellora da actividade económica en Galicia, reflectida tanto no incremento da produción industrial como no crecemento das exportacións, que marcaron un récord absoluto en 2015, con 18.831 millóns de euros. Para consolidar e reforzar os indicadores positivos da economía galega, engadiu que a Consellería de Economía, Emprego e Industria habilitou un ambicioso marco de apoios, activando no que vai de ano liñas que suman 185 millóns de euros para reforzar tanto os investimentos como a innovación ou a creación de emprego.

Aguilera destacou igualmente que, ademais de manter operativos os programas de préstamos directos dotados con fondos Jeremie ou BEI para impulsar novos investimentos, e os fondos de capital risco xestionados por Xesgalicia, este ano convocáronse a través do Igape axudas dotadas con máis de 30 millóns de euros para apoiar novos proxectos con subvencións a fondo perdido, para facilitar a mellora da competitividade ou a internacionalización das pemes galegas.

O encontro técnico contou coa participación do subdirector de Apoios da DIGPYME, Antonio Fernández Ecker, que explicou as características do programa de Transmisión de Empresas impulsado polo Minetur para fomentar e facilitar a transmisión de compañías como alternativa de emprendemento, de incorporación de innovación, de xeración de riqueza e de creación de emprego.

Como coordinador e dinamizador da plataforma de transmisións de empresas en Galicia, o Igape desenvolve o programa Galicia Transmite para asesorar tanto a compañías que desexen considerar o traspaso do seu negocio como a empresarios e emprendedores interesados en darlle continuidade á esa actividade.

Na xornada técnica participou tamén Julio Lage, presidente de Aegama, que aglutina a case 400 empresas dirixidas en Madrid por empresarios de orixe galega, e que coordina ademais unha rede de máis de 1.200 empresas aliadas ou colaboradoras. Do mesmo xeito que outras asociacións de empresarios galegos no exterior, Aegama está a colaborar co Igape en aspectos como o localizar posibles proxectos de investimento para realizar en Galicia.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes