Xornada de traballo de enxeñeiros químicos na Casa de Galicia en Madrid

O equipo de profesionais investiga o proxecto Biochem e pertencen a universidades de España, Finlandia e Alemaña
Madrid, 28 de marzo de 2019

Un equipo de enxeñeiros químicos de universidades en Santiago, Espoo (Finlandia) e Hamburgo (Alemaña), mantiveron hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia unha xornada de traballo, dentro do proxecto Biochem (Novel biorefinery platform for a driven production of chemicals from low-grade biomass), que coordina a profesora do departamento de Enxeñería Química da Universidade de Santiago de Compostela, Marta Carballa.

O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, dirixiulles unha palabras de benvida, así como os desexos de que a xornada "resulte moi produtiva e frutífera". E engadiu ademais, que "entre os labores desta Casa, está o colaborar e apoiar todos os proxectos de investigación e facilitar, dentro dos nosos medios, canto estea na nosa man para que así sexa". A profesora Carballa traduciu a mensaxe aos profesionais estranxeiros que se mostraron gratamente sorprendidos pola cálida acollida, e agradeceron o xesto.

Neste encontro, participaron Marta Carballa, Alberte Regueira e Riccardo Bevilacqua da Universidade de Santiago de Compostela; Jaana Uusitalo e Kiira Vuoristo do Centro de Investigación Técnica VTT de Espoo (Finlandia); e An-Ping Zeng e Ludwig Selder da Universidade Técnica de Hamburgo (Alemaña).

Ademais de presentar o progreso do traballo e os plans futuros, o obxectivo principal desta cuarta reunión do proxecto foi "discutir a integración e as sinerxias futuras do proxecto e, en consecuencia, establecer as accións necesarias", tal e como explicou a profesora Carballa.

O obxectivo principal do proxecto BIOCHEM é "proporcionar un método integral para o deseño asistido por modelos dun novo bioproceso que utiliza fermentación de cultivo mixto. BIOCHEM enfócase en dous aspectos esenciais ao deseñar un novo bioprocesamiento: "alcanzar unha alta selectividade do produto desexado e lograr unha alta produtividade para que o proceso sexa economicamente viable".

No plano práctico, e como demostración, no proxecto BIOCHEM, traballan para desenvolver un proceso que permita conseguir determinados produtos químicos a partir de biomasa (residuos de alimentos) por fermentación. Entre eses produtos estaría, como exemplo, o ácido acético, moi demandado na elaboración de pinturas, adhesivos, recubrimientos protectores e polímeros. Tamén logran outros ácidos en cantidades máis pequenas pero cun maior valor engadido que se poden utilizar na alimentación animal e a conservación de alimentos.

A xornada, que se iniciou ás 9 da mañá prolongouse ata pasadas as 17 horas, con dúas curtas pausas, só para un refrixerio e un breve xantar. O próximo encontro será, previsiblemente, en Finlandia, e o seguinte en Santiago.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes