Segunda xornada "Conmemoración XX Aniversario da Rúa do Peregrino", da artista María Carretero

Interviñeron Emilio Muñoz, Carlos R. Cano Alonso, Rebekah Scott, e Gil Carbajal
Madrid, 27 de outubro de 2016

A Casa de Galicia, Delegación da Xunta en Madrid, acolleu esta mañá a celebración da primeira parte da segunda xornada da "Conmemoración XX Aniversario da Rúa do Peregrino, obra da artista María Carretero. Vila de Sarria-Lugo, Km 111 do Camiño de Santiago Francés", coordinadas polo arquitecto Domingo de Famara. O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa deu a benvida a cada un dos participantes, que en horario de mañá foron: o profesor de investigación emérito do CSIC e asesor da Unidade de Investigación en Cultura Científica do CIEMAT, Emilio Muñoz Ruiz; o párroco da Real Igrexa de Santiago Apóstolo e San Juan Bautista, Carlos R. Cano Alonso; a xornalista e agora hospitalera en Moratinos (Palencia), Rebekah Scott e o presidente de Demócratas Abroad Spain, Gil Carbajal.

O coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, tomou o testigo do delegado para moderar os relatorios. O primeiro correu a cargo do profesor de investigación emérito do CSIC e asesor da Unidade de Investigación en Cultura Científica do CIEMAT, Emilio Muñoz Ruiz, quen falou sobre "Ética e valores no espazo público: un desafío evolutivo baseado na responsabilidade". Explicou que "vivimos nunha sociedade plena de contradicións: Aproveitar a oportunidade para falar de ética e valores no espazo público baixo o marco do Camiño de Santiago  é á vez unha satisfacción e un desafío". Fixo un breve percorrido por "algúns dos principios que informan o exercicio do goberno de acordo coa ética e os valores, tales como a gobernanza e as éticas que deben e poden lexitimala". A partir de aí fixo unha reflexión sobre o desafío evolutivo baseado na ética da responsabilidade que se establece nunha sociedade actual marcada e atravesada  por unha serie de problemas que para certos pensadores parecen derivarse dunha visión do exercicio do poder excesivamente economicista e envolta polos  cartos como valor preeminente. "A sociedade actual está a caer porque está a ser biolóxicamente transformada por instrumentos sociais ata o extremo de que está a perder o obxectivo dun ser humano reflexivo, para só consumir, só gastar, para que o diñeiro sexa o único valor. Ademais, están a producirse enormes desigualdades e por tanto entrando nun proceso moi complexo, que como biólogo atrévome a dicir que entraña riscos de involucionar".

O profesor Muñoz cedeu o espazo na mesa ao párroco da Real Igrexa de Santiago Apóstolo e San Juan Bautista, Carlos R. Cano Alonso, quen falou de "O amor e a transformación interior no Camiño". Para empezar fixo unha rápida análise dos distintos tipos de amor, para centrarse logo no que chegan a sentir os peregrinos no Camiño de Santiago, "cando experimentan o que supón saír da zona de confort". Para o pai Cano, "para emprender o Camiño non se pode meter na mochila o mesmo que hai en casa; e ademais é o momento de poder saír dun mesmo para poder mirarse dentro". Para logralo son necesarias determinadas cuestións como son o silencio, o tempo, a precariedade e a dor, que en si mesmo non é malo, non mata, e leva á humildade. "O amor é un traxe de dores", dixo, citando a Santa Teresa.

Por último, tras un breve receso que foi aproveitado para seguir co debate e as reflexións, tomaron a palabra o presidente de Demócratas Abroad Spain, Gil Carbajal para falar de "Demócratas americanos e o Camiño de Santiago"; e por Rebekah Scott, quen falou da súa experiencia persoal desde que coñeceu o Camiño en 1993 cando era xornalista de viaxes, ata o ano 2006 data na que se mudou co seu marido a España e converteuse en hospitalera, e especialmente das súas vivencias cos peregrinos estadounidenses.

Gil Carbajal, tamén xornalista, é colaborador de Radio Nacional na edición inglesa, falou da peregrinaxe dun antigo Presidente Internacional de Democrats Abroad desde Saint Jean de Luz a Santiago no verán de 2013 así como das entrevistas a peregrinos de distintos países que fixo o pasado verán para Radio Exterior. Comentou dalgunhas das interesantes persoas que puido coñecer no Camiño e en como se foron cimentando as bases de Demócratas Abroad Spain, "baseadas na amizade que se van establecendo e as relacións persoais. O maior número de seguidores téñeno nas grandes cidades como Madrid e Barcelona. Pola súa banda Rebekah tras describir ao peregrino típico americano medio, branco, de economía media, que se disparou por mor da película The Way, que planifica ata o máis mínimo detalle, que compra todo o que lle din que é imprescindible, e nos dous primeiros días vai deixando nos albergues ao descubrir que lle sobra case todo". fixo unha análise do Camiño e de como se está xestionando nas diferentes etapas. Ao chegar a Galicia subliñou que "os americanos adoran Galicia, as súas comidas, as súas paisaxes e a súa música pero que  se está mercantilizando demasiado". E engadiu categórica que "o Camiño é un tesouro  que se debe respectar pois estase correndo o risco de matar a galiña dos ovos de ouro".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes