Presentado na Casa "La venganza del difunto", o último libro do escritor e xornalista Carlos Reigosa

A obra, editada por HarperCollins Ibérica, é "unha novela negra, con fondo histórico, que sucede durante a II Guerra Mundial en Vigo e en 2016 en España e Arxentina"
Madrid, 9 de maio de 2016

A Casa de Galicia, sede da Delegación da Xunta en Madrid, acolleu esta tarde a presentación DE "La venganza del difunto", última obra do xornalista e escritor lucense Carlos D. Reigosa, na que, "con fondo histórico, sucede durante a II Guerra Mundial en Vigo e en 2016 en España e Arxentina".

O acto estivo presidido polo presidente do Consello de Estado José Manuel Romay Beccaría, e ademais do delegado da Xunta de Galicia e director da Casa José Ramón Ónega, interviñeron o presidente da Asociación Española de Críticos Literarios, Angel Basanta; o escritor Domingo Villar; o escritor e xornalista Alfonso Palomares e o propio autor Carlos Reigosa.

Tras as palabras de benvida e salutación, Ónega dixo citando a Cicerón, "Se tés unha biblioteca con xardín, telo todo" e fixo un breve repaso pola longa e densa traxectoria profesional de Reigosa, "natural da Pastoriza, Lugo, e licenciado en Ciencias políticas e en Ciencias da Información. Desenvolveu a súa carreira xornalística na Axencia EFE, na que foi director de Información e de Publicacións, e de Análises e Estilo. Reigosa obtivo os premios xornalísticos Fernández-Latorre e Fernández del Riego. Como novelista, gañou os premios Xerais, Rodolfo Walsh, Benito Soto, Torrente Ballester e Juan de San Clemente".

Para Angel Basanta "La venganza del difunto representa unha magnífica continuación da serie policíaca de Reigosa co engadido de que nesta novela prodúcese unha integración do individual e o colectivo, posto que a peripecia dos personaxes queda enmarcada en episodios tráxicos reais".

O escritor de novela negra e autor da exitosa La playa de los ahogados, Domingo Villar dixo que "para os que medramos lendo as novelas negras de Reigosa, sempre é unha alegría volver a reencontrarnos con Nivardo Castro, o pai dos investigadores literarios nados en Galicia".

Para Alfonso Palomares, nesta novela de intriga, "os interrogantes saltan en cada páxina e a tensión mantén ao lector ata o final. Reigosa coñece moi ben aos personaxes Nivardo e Carlos, e móveos perfectamente ao longo da narración".

Pola súa banda, Carlos G. Reigosa sinalou que a súa obra, editada por HarperCollins Ibérica, é "unha novela negra, con fondo histórico, que sucede durante a II Guerra Mundial en Vigo, e en 2016 en España e Arxentina. Con esta distancia temporal, na obra confróntanse a memoria histórica duns feitos coa memoria persoal dos seus protagonistas, desvelando o abismo que se abre entre unha e outra co paso dos anos". Contén múltiples ingredientes, con personaxes reais e imaxinarios, "está a traxedia dos xudeus fuxidos, a posterior fuga dos nazis, o tráfico do volframio, os maquis, a guerra do Atlántico e outras peripecias. Pero o esencial é a memoria dos feitos e a vinganza que esa memoria esixe indeclinablemente. Neste sentido é tamén unha novela histórica". Nela, o rico nonaxenario Eliseo Sandamil Bentraces contrata ao detective Nivardo Castro e ao xornalista Carlos Conde para que investiguen o estremecedor suceso ocorrido en Vigo durante a II Guerra Mundial porque teme ser vítima dunha vinganza.

La venganza del difunto é a quinta entrega da serie de novelas co detective Nivardo Castro e o xornalista Carlos Conde, e que nesta ocasión protagonizan "un impactante, orixinal e profunda viaxe ao corazón do maior drama bélico do século XX e ás súas demoradas consecuencias".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes