O presidente do CGCEE, Eduardo Dizy, presenta na Casa de Galicia o libro "CGE-CGCEE. 25 Primeros años", de María Luisa Clemente

Ao acto asistiron, entre outros, a secretaria xeral de Inmigración e Emigración, Marina del Corral, e os directores xerais de Migracións, Aurelio Miras, e de Españois no Exterior, Cristóbal Valdés
Madrid, 19 de abril 2016

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia acolleu hoxe a presentación do libro "CGE-CGCEE. 25 PRIMEROS AÑOS", unha obra en dous tomos sobre os debates e traballos realizados polo Consello Xeral da Cidadanía Española no Exterior (CGCEE), órgano consultivo dos españois que residen fóra das fronteiras nacionais, que comezou a súa andaina como Consello Xeral da Emigración. Na presentación participaron, ademais da autora, o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega López, o presidente do CGCEE, Eduardo Dizy e a secretaria xeral de Inmigración e Emigración, Marina del Corral Téllez.

Entre o numeroso público que acudiu ao acto achábanse o director xeral de Migracións, Aurelio Miras Portugal, o director xeral de Españois no Exterior e de Asuntos Consulares e Migratorios, Cristóbal Valdés, os membros da Comisión de Dereitos Civís e Participación do CGCEE, entre os que se atopa o anterior presidente do Consello, Francisco Ruiz, o presidente da Comisión, Angel Capellán, outros responsables e exresponsables no ámbito da emigración e funcionarios dos ministerios de Emprego e Seguridade Social e de Asuntos Exteriores.

Ónega destacou a senlleira representación do colectivo de españois no exterior que había na Casa, tanto administrativa como de membros do CGCEE, a través dos compoñentes da súa Comisión de Dereitos Civís e Participación. "Para facernos unha idea da importancia do órgano ao que nos referimos e ao que María Luisa Clemente dedica este traballo, permítanme que lles sinale que segundo os últimos datos oficiais do censo electoral dos españois residentes no estranxeiro, a día un do pasado mes de marzo, había inscritos 1.910.245 españois residindo fóra das nosas fronteiras", ilustrou.

Valorou ademais que "o libro da xornalista María Luisa Clemente é literatura con datos, información precisa e documentación contrastada".

Dizy resaltou o amplo seguimento que a autora realizou como xornalista dos traballos do Consello ao longo dos anos e que "é unha persoa querida e respectada por todos os conselleiros". Sinalou algunhas características da obra, como que consta de dous tomos que suman máis de dúas mil páxinas, con información sobre este órgano, as súas resolucións, as súas relacións con outros foros, unha longa relación de protagonistas do Consello e preto de 200 fotografías. Tamén que contou cunha subvención do Ministerio de Emprego e que se publicou coincidindo co 25 aniversario da creación do CGCEE.

"En definitiva "CGE-CGCEE. 25 PRIMEROS AÑOS" é unha valiosa ferramenta para os conselleiros, para os estudosos, para os que sintan curiosidade e queda para o futuro, sendo un testemuño vivo recolleito de fontes de primeira man e por unha das súas testemuñas á vez que protagonista", afirmou. Ademais, Dizy informou os asistentes das competencias, funcionamento e traballos do CGCEE, así como dalgunhas curiosidades e anécdotas do mesmo.

Clemente explicou que con este libro pretendeu "aglutinar todo o relacionado co CGCEE, os seus debates e resolucións, as posicións que mantiñan os conselleiros, a resposta que tiveron nas institucións (ex. Parlamento) e noutras entidades, como as da emigración, a xente que protagonizou o Consello e quenes lles acompañamos, así como imaxes de distintos momentos da súa actividade". Para iso, dixo, baseouse en documentación persoal, actas do Consello e, fundamentalmente, nas informacións que sobre o mesmo publicou.

A Comisión Dereitos Civís e Participación do CGCEE deuse cita estes días en Madrid para realizar as funcións que lle compete. Os seus membros proceden de países tan diversos como Alemaña, Arxentina, Bélxica, Bolivia, Cuba, Chile, EE UU, Holanda, México, Panamá Perú, Suíza e Venezuela nos que teñen establecidas as súas residencias. Máis da metade dos membros do CGCEE son españois que residen fóra das fronteiras nacionais.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes