Christian Careaga presenta na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o seu último libro, "China: de la homologación a la armonía económica mundial"

Nel aborda, entre outras cousas, as relacións económicas entre EE UU, a UE e China
Madrid, 25 de maio de 2017.

O doutor en Ciencias Económicas e Empresariais Christian Careaga Guzmán presentou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia o seu último libro, "China: De la homologación a la armonía económica mundial" no que aborda, entre outras cousas, as relacións económicas entre EE.UU, a UE e China, posibles vías para o comercio mundial e os cambios esperados na política internacional chinesa.

No acto interviñeron, ademais do autor, o catedrático de Estrutura Económica e membro da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas Ramón Tamames Gómez e o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López. Entre os asistentes ao acto atopábanse o vicepresidente de IBC & Partners, Enrique de Areba, o catedrático de Economía Aplicada e catedrático Jean Monnet, José María Casado, o agregado de Prensa da Embaixada de China, Ji Denghua, en representación do embaixador, Lyu Fan, e numerosos membros da asociación Cátedra Chinesa, á que pertence Careaga.

Ónega cualificou o libro de "importante e necesario", apreciando que "o seu só título é un reclamo". Destacou así mesmo o rango académico e profesional do autor e o presentador do libro e mantivo que "o tema que van tratar non pode ser máis interesante nin máis relevante". "Falar de China é reflectir o gran acontecemento do espertar dunha gran nación, dun gran país. Non se pode entender o mundo de hoxe sen contar con China, unha potencia excepcional", mantivo.

Tamames valorou o libro "como unha análise concienzudo sobre China e a súa integración global, ou sobre a aceptación, por parte de Occidente , de que non hai gobernanza mundial posible sen China" e opina que se trata de "un libro que abre os ollos a esta nova dinámica económico-comercial para o século XXI".

Na presentación, Careaga e Tamames mantiveron un coloquio sobre o libro ao redor da actualidade chinesa e ás metas do Imperio do Centro no que abordaron asuntos de política interior e política exterior de China e do contexto internacional.

Careaga, que viviu e traballou en varios países durante vinte anos e centrou a súa carreira profesional no mundo dos negocios e das finanzas internacionais, explicou que nas reflexións académicas que contén o libro materialízase a súa experiencia no ámbito dos negocios con firmas multinacionais e gobernos de decenas de países. Tamén que o libro ten dous compoñentes fundamentais: na primeira metade da obra describe as actuais discrepancias e retos comerciais mundiais, "que están a impulsar ás nacións do planeta para tomar unha serie de medidas de corte proteccionista", e na segunda parte tenta albiscar cal debese ser o camiño para percorrer polo Partido Comunista Chinés para alcanzar a harmonía mundial cara a mediados do século XXI.

Con este novo título, prologado por Eugenio Bregolat, Careaga pecha unha triloxía sobre China. Os dous anteriores son: "Perspectivas del modelo empresarial chino" e "China ante los retos y anhelos mundiales".

 

 

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes