Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A deseñadora, empresaria e escritora coruñesa Begoña Peñamaría presenta na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o seu libro "Claves para vestir bien sin arruinarnos en el intento"

Editado por Hércules de Ediciones, ofrece claves para vestir de forma adecuada
Madrid, 31 de maio de 2017.

A deseñadora, empresaria de moda e escritora coruñesa Begoña Peñamaría Marcos presentou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia o seu libro "Claves para vestir bien sin arruinarnos en el intento", un manual editado por Hércules de Ediciones e prologado por Mayte González Trillo, directora do programa "Hoy por hoy A Coruña", de Radio Coruña, Cadena Ser. Nel, Peñamaría ofrece claves para que as mulleres vistan de forma adecuada en todo momento e consellos que axudan a construír un bo fondo de armario, a comprar nas rebaixas, a facer ben as maletas ou a sacarlle máis partido á roupa, entre outras cousas.

Ademais da autora, na presentación interviñeron Rosa Rosado, xornalista da Cadena Cope, a editora Laura Rodríguez Herrera e, en representación do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia José Ramón Ónega López, a coordinadora de Actividades Económicas da Casa, Ana Rodríguez, quen deu a benvida aos relatores e ao público e lembrou que Begoña Peñamaría xa presentou outro dos seus libros nas mesmas instalacións, unha das súas dúas novelas, así como que "Galicia ocupa un lugar propio na industria da moda". "O sector téxtil, representa o 10% da economía galega, e conseguiu levar a marca Galicia por todo o planeta", precisou.

Rosa Rosado lembrou que o libro lle chegou cando preparaba unha reportaxe para a súa sección no programa "La Tarde" de Cope, no que buscaba "dar algunhas claves para vestir ben con pouco diñeiro". "Era perfecto para o que quería porque é verdade que para vestir ben e con pouco diñeiro non é necesario ser supermodelos, nin estar forrados. O diñeiro está claro que axuda, pero non garante que saibamos combinar estilos e lucir modelitos con gusto. E iso é o que nos ensina Begoña neste libro", afirmou. "Está cheo de consellos que nos axudarán a construír un bo fondo de armario, a comprar nas rebaixas, a sacarlle máis partido á nosa roupa e en definitiva a sacarnos o máximo partido posible, pero sen arruinarnos no intento".

A editora, Laura Rodríguez, explicou que "trátase do quinto libro de moda que publicamos en Hércules e é que estamos convencidos de que a moda é cultura, e debe tratarse como tal". "Tampouco podemos esquecer a importancia da moda na nosa economía, e máis vindo dunha cidade como A Coruña, que tradicionalmente foi sede de moitas marcas e deseñadores (como a propia Begoña Peñamaría, que leva máis de 20 anos de traxectoria) e que hoxe é a base nin máis nin menos que do grupo téxtil máis importante do mundo", engadiu.

A autora, Begoña Peñamaría, explicou que con este libro pretende poñer a súa experiencia no mundo da moda feminina ao servizo das lectoras, precisando que "moitas das ideas que dou son igualmente aplicables aos homes e penso que o coidado da propia imaxe non é unha cuestión de xénero". Tamén se referiu á súa intención de chegar a un público amplo e non necesariamente experto en moda, ao que dá unhas claves para ataviarse correctamente segundo a ocasión e para comprar con acerto.

Begoña Peñamaría Marcos estudou Deseño de Moda, ten taller e tenda na Coruña, onde comercializa en exclusiva os seus deseños de noiva e de cerimonia. É colaboradora dun espazo de moda e tendencias na Cadena Ser, colabora en El Correo Gallego e é autora das novelas "Dejadme marchar" e "Una vida esperando".

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes