Presentación do libro "Cocina artesana cantábrica", na Delegación da Xunta en Madrid

A obra é o terceiro número da serie "Sesos y tripas" e inclúe 35 receitas tradicionais de restaurantes da cornixa e 36 poemas de autores destas terras
Madrid, 16 de outubro de 2018

O libro "Cocina artesana cantábrica", terceiro número da serie Especial de cociña e poesía "Sesos y Tripas", (poemas sacados das tripas, receitas feitas con miolo), publicado por edicións Venguerén, presentouse esta tarde na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia. Inclúe 35 receitas tradicionais de peixe de restaurantes artesanais da cornixa cantábrica e 36 poemas de autores destas terras, con ilustracións de Patricia Villamarín.

No acto interviñeron: o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega; os poetas, Hipólito García, Bolo; David González; José Juan Martínez Ferreiro; e o tamén poeta e editor, Mariano Gamo.

Jiménez lembrou nas súas palabras que se trata dunha edición "realmente especial, por canto xunta nun só tomo, enxeñosa e artisticamente composto, poemas e receitas", unha combinación non moi habitual e máis tendo en conta que o libro conta con dúas portadas claramente diferenciadas, para facilitar ao lector a opción de cada momento, receitas, poemas, ou alternar ambas. A de cadros evoca claramente o mantel que conduce inequívocamente ás receitas. A acuarela dá paso aos poemas.

Hipólito García, Bolo, Hipólito García, Bolo, destacou a idea de Cantábrico como "lugar de partida para emprender viaxes" y recitou un dos seus poemas que  así o ratificaba.

Para José Juán Martínez Ferreiro, "é unha honra participar nesta orixinal publicación que tenta maridar dúas das máis exquisitas manifestacións artísticas: a poesía e a gastronomía, e sobre todo centrala ás beiras deste salvaxe e apaixonado mar Cantábrico, berce de grandes poetas, como Álvaro Cunqueiro, Olvido García Valdés, José Hierro, Blas de Otero...". E citou tamén aos grandes mestres dos fogóns galegos, asturianos, cántabros e vascos, "sempre asomados a este mar Cantábrico, ondada das súas inspiracións".

Pola súa banda, David González, mostrouse así mesmo moi honrado e agradecido de poder participar nesta edición, "interesante orixinal, e que xunta a tan grandes poetas con receitas de lugares cantábricos do bo xantar". Iso e o seu alcanzable prezo fan que este libro sexa para González, "algo irresistible". Leu uns versos que lembraron ao seu pai "co que por entón non me levaba moi ben", pero que agora, anos despois lle dedicou como homenaxe.

Para Mariano Gamo, a elaboración da obra foi "traballosa e ilusionante, como seguir o rastro dunha balea branca" e lembrou que cociñeiras e cociñeiros abríronlles as portas das súas casas e deixáronlles chegar ata os seus fogóns, "sen segredos, onde a alquimia transforma o ingrediente en alimento". Destacou ademais que a maioría dos poemas escribíronse ex profeso para esta edición, "polo que esperamos que o noso traballo", dixo dirixíndose á audiencia, "vos deixe con bo sabor de boca, e con ganas de repetir".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes