O xornalista coruñés Víctor López presenta na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o seu libro "El día que nos robaron el mando. Conversaciones sobre la crisis del periodismo en televisión"

A través de entrevistas a recoñecidos xornalistas o autor expón nel a influencia da televisión no espectador e as responsabilidades no consumo de televisión
Madrid, 18 de outubro de 2017.

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu hoxe a presentación do libro "El día que nos robaron el mando. Conversaciones sobre la crisis del periodismo en televisión", do xornalista coruñés Víctor López, publicado por Ediciones Internacionales Universitarias. A través de once entrevistas a xornalistas como Diego Carcedo, Vicente Romero, Rosa María Calaf, Nieves Herrero e Alfonso Rojo, o autor da obra expón nela a influencia da televisión na opinión do espectador e a parte de responsabilidade que teñen os empresarios, os traballadores audiovisuais e os cidadáns no consumo de televisión. Na presentación interviñeron, ademais do autor, o veterano xornalista Diego Carcedo e o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López.

Ónega valorou que neste "bo libro" o autor proclama "gratitude ás persoas que lle deron a primeira oportunidade en televisión" e que "ser agradecido é unha potencia da alma que só habita en persoas nobres e preclaras". Mantivo que "o libro de Víctor López ten singulares referencias profesionais dese mundo apaixonante e vivo que é o dos medios de comunicación", do que el ten experiencia como colaborador semanal en "El Correo Gallego" e pola súa vinculación familiar co xornalista Fernando Ónega.

"El libro de Víctor López contén noticias e revelacións non só de gran interese senón críticas e comentarios imprescindibles para saber algo máis dos medios informativos e, en particular, do xornalismo en televisión", afirmou, engadindo que a obra "trata de mostrar a evolución conceptual da televisión de onte e hoxe, a través da pluralidade de voces, o xuízo crítico e os principios deontolóxicos" e que "é un acta notarial que describe os recunchos e carreiros dese mundo máxico e apaixonante que é a televisión".

Diego Carcedo falou do interese e da oportunidade do libro, que reúne a xornalistas da etapa da transición política que se dedicaron á información internacional, cubríndoa  nos seus lugares de orixe. Apreciou que "moitas cousas seguen tendo vixencia a pesar do paso do tempo". Valorou que o libro "estea dedicado a Manu Leguineche, gran reporteiro desta xeración e gran amigo", manifestando "moita pena de que non sexa el o que ofreza a primeira entrevista deste libro".

Pola súa banda, Víctor López dixo que o libro "pretende ser unha crítica construtiva, revelar a difícil situación que vive o xornalismo da pequena pantalla debido á transformación tecnolóxica, os novos modelos empresariais e o cambio nos valores do oficio, pero sempre coa intención de sacar conclusións positivas". "Tentei ser crítico, pero tamén responsable e rigoroso, co único propósito de contribuír a reverter o mal momento dun medio, a televisión, que me deu a oportunidade de gozar dunha das profesións máis bonitas do mundo", declarou, indicando que "o título do libro simboliza ese momento en que o xornalismo televisivo perde o poder de desempeñar correctamente o seu labor" pois "é como cando no salón da túa casa quítanche o mando da ´tele´ e pasas a ver o que outros queren". "No libro entrevisto a grandes mestres da pequena pantalla para coñecer a súa opinión, a súa visión sobre a televisión que se fai no noso país estes días", sinalou.

Valorou así mesmo que "neste mundo dixital no que vivimos, a información perdeu valor pola súa superabundancia" e que "iso é un perigo, porque da sobreinformación acabamos pasando á desinformación. E un cidadán desinformado non pode tomar decisións acertadas". "A politización da información que levan a cabo as cadeas, a súa marcada liña editorial, impide hoxe informar con plena liberdade". Tamén que "as novas xeracións chegan á televisión con ansia de fama, de popularidade, de que lles vexan guapos nas súas casas, e non coa intención de facer boas reportaxes, de informar ben, con rigor".

 

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes