Viruca Yebra presenta na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a súa primeira novela, "El fuego del flamboyán"

Na que a xornalista e escritora lucense aborda a emigración galega a Cuba
Madrid, 24 de maio de 2017.

A xornalista lucense (Sarria) Viruca Yebra presentou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a súa primeira novela, "El fuego del flamboyán", sobre a emigración galega a Cuba, na que a árbore do lume será testemuña da fortuna e a mestizaxe dos seus personaxes. A editorial, Almuzara, destaca da obra que "evoca maxistralmente, a través dunha fascinante saga familiar, o contraste entre as vidas da Galicia profunda e a súa próspera emigración á sensual Cuba da primeira metade do século XX".

Na presentación interviñeron, ademais da autora, o xornalista e escritor Alfonso S. Palomares, a escritora Almudena de Arteaga e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega. Entre os asistentes ao acto estaban a presidenta da Fundación Eduardo Barreiros, Mariluz Barreiros, a exsenadora María Jesús Sáinz e numerosos membros do Club de Periodistas Gallegos en Madrid, encabezados pola súa actual presidenta, Pilar Falcón; Club do que Yebra foi fundadora e primeira presidenta. Na actualidade a autora preside o Club Internacional de Marbella.

Ónega explicou que a novela de Viruca Yebra está ambientada na época da ditadura do xeral Primo de Rivera e posteriores, na que as circunstancias obrigan a un puñado de personaxes a deixar España con destino a Cuba. "Sitúanos na atmosfera galaica e cubana de tipos e escenarios, que algúns definirían como morriña, outros como evocación e, todos, como retrato vivo, por humano, duns personaxes aos que persegue o recordo, o amor e a emigración como fenómeno social", apreciou. "´El fuego del flamboyán´ condúcenos ao paraíso, pasando antes por ese pórtico de nostalxia e sacrificio que foi, e segue sendo, a emigración", mantivo. Informou ademais de que "a obra recolle gran parte das conversacións da autora cos seus paisanos galegos e con cidadáns cubanos" con este propósito.

Palomares sinalou que "está articulada ao redor dos acontecementos que marcaron a vida política, social e humana de España dunha forma determinante e tamén a de Cuba. Vai desde as vésperas da República, segue nos anos republicanos e a Guerra Civil, ata moi avanzado o franquismo". "A autora cumpre a recomendación de Hemingway: as cousas que acontecen baixo a choiva hai que contalas baixo a choiva. Os escenarios xeográficos son a vila galega de Oribio e a súa contorna, onde o lector descubrirá a vila de Sarria, A Habana e Trindade en Cuba e Madrid. Podemos dicir que é unha novela coral chea de varias familias e de múltiples personaxes, hai amores e desamores ardentes, sexo cálido e desmesuradas traxedias". "Viruca manexa con mestría a superposición dos personaxes e familias. É un retrato profundo dunhas clases e dunha época", engadiu.

Arteaga, desde a amizade de moitos anos coa autora, congratulouse de que se decidise a entrar na literatura e explicou que a novela "é a vertixinosa historia dunha saga familiar galega, desde os seus segredos máis íntimos e emotivos". "A autora desde a primeira páxina zambulle ao lector de cheo nun mundo de sacrificados emigrantes rumbo a Cuba. Homes plenos de soños por cumprir nos anos previos á II República. Paixóns, segredos e historias danzan en perfecta harmonía nesta novela de Viruca Yebra", afirmou.

Pola súa banda, Viruca Yebra comezou falando da súa etapa laboral na Xunta de Galicia, onde, entre outras cousas, foi xefa de prensa de Gerardo Fernández Albor, e dos seus recordos na pequena oficina da Xunta na rúa Serrano, en Madrid. Yebra, nas respostas dadas no coloquio que estableceron os presentadores, falou dos sentimentos femininos na súa novela, da situación de Galicia na II República, da vida na aldea e, sobre todo, de Cuba nos anos corenta e cincuenta.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes