Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O antropólogo do CSIC Manuel Mandianes presentou na Casa de Galicia en Madrid o seu último libro, "El fútbol (no) es así"

Editado por Sotelo Blanco, trata "de sacar á luz as estruturas esenciais sobre as que se apoia o fenómeno fútbol"
Madrid, 22 de xuño de 2016.

O doutor en Antropoloxía, Teoloxía, Ciencias Políticas e Socioloxía e antropólogo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) Manuel Mandianes (Loureses, Ourense), autor dunha ducia de libros, presentou hoxe na Casa de Galicia en Madrid a súa última obra, "El fútbol (no) es así", editada por Sotelo Blanco, que trata "de sacar á luz as estruturas esenciais sobre as que se apoia o fenómeno fútbol". Interviñeron na presentación, ademais do autor, o delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, e os xornalistas Fernando Ónega e Sergio Sauca, este último tamén prologuista do libro.

José Ramón Ónega, anfitrión do acto, presentou aos intervenientes e referiuse a esta obra de Mandianes como "un libro importante", de título "suxestivo, cargado de emocións, de paixón e de acentos vibrantes e polémicos". Apreciou así mesmo, respecto ao fútbol, que "onte viamos como ´La Roja´ sucumbía ante o conxunto de Croacia e o país anda máis deprimido que coas eleccións".

Sergio Sauca, que valorou que política e fútbol son ámbitos independentes, falou de temas nos que, asegurou, o libro anticipouse á realidade: a violencia no fútbol, a utilización política do fútbol por determinados clubs e/ou estados, o fútbol como acubillo dos grupos ultras, o poder do fútbol e a corrupción na FIFA. "Todos eses temas expúxoos hai meses, mesmo anos, Mandianes e a realidade confirmounos", sostivo.

Fernando Ónega ilustrou a importancia do fútbol con observacións como: "Fixádevos se isto do fútbol será unha cousa seria, que un partido da Selección Española, transmitido por unha soa cadea, ten tantos ou máis espectadores que un debate onde España xógase o seu futuro e é transmitido por todas as cadeas" e "o fútbol é das poquísimas actividades industriais que non sufriu ningún peche de empresas na última crise".

Referiuse ao autor como un "sabio de raras sabedorías" e dixo chegar "á conclusión de que este libro só o pode escribir un doutor en Teoloxía", observando que "o teólogo Mandianes ten unha razón profunda para meterse neste berenjenal e confésaa nestas páxinas: ´O fútbol é unha máscara que oculta outra realidade de marcado carácter relixioso. Esa realidade totalizante xa non se chama Deus, senón planeta fútbol´". "Esta perspectiva do teólogo cun fondo de sociólogo e de antropólogo proporciónalle ao autor unha visión case sobrenatural, pero universalista" do fútbol, mantivo. Afirmou así mesmo que este é un "libro útil", "ameno, cheo de realidade, pero cheo de humor, de humanidade, de realismo de reporteiro, de épica dos grandes clásicos. É un libro que permite entender o fútbol e as súas claves e que permite ver o que non se contempla desde a bancada".

Pola súa banda, Mandianes valorou que "o fútbol é un fantástico espectáculo pero un fangoso negocio, é unha escenificación da vida cotiá, é a traxedia grega coas súas paixóns posta ao día para o gran público. Por iso engancha tan rápido a tanta xente. Os seareiros matan e mátanse polo seu equipo porque a súa vida identifícase coas vitorias e as derrotas do seu equipo". "Pódese falar dunha teoloxía redonda porque o fútbol é a fe dos que non teñen fe, é a relixión e os ídolos do estadio, os deuses de moitos que se din ateos. O fútbol é a cor de millóns de vidas que non o teñen, de vidas grises. O fútbol é o fenómeno que fai visible hoxe o mundo global de mañá. As estrelas do fútbol son os rostros máis coñecidos do planeta", engadiu.

 

 

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes