Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O doutor Durán Mariño presenta na Casa de Galicia en Madrid o seu libro "España, S.L. A colmea insostible"

O autor analiza a sociedade española comparándoa coa vida nunha colmea
Madrid, 27 de marzo de 2014

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación do libro "España, S.L. A colmea insostible", escrito polo cirurxián vascular José Luis Durán Mariño, no que o autor analiza a sociedade española partindo dunha metáfora na que a compara coa vida nunha colmea.

Durán estivo acompañado na presentación polo xornalista galego Xulio Xiz e polo delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, quen se referiu á obra como "un magnífico texto de reflexión sobre a vida social, dende a perspectiva dun médico, coa súa capacidade de investigación".

" ´ España SL. A colmea insostible´ é un ensaio no que, partindo dunha metáfora na que se compara a vida nunha colmea co noso propio país, analízase o papel desempeñado polos ´abázcaros´, as ´obreiras´ e a ´raíña´ da colmea hispana, así como os alarmantes desequilibrios que se están a producir nesta, cunha preocupante proliferación dos abázcaros, que pon en perigo a supervivencia da propia colmea," explicou Durán.

Segundo o autor, "amparada por unha lexislación elaborada á medida das súas ambicións, a clase política española goza, na práctica, dunha total impunidade, o que propiciou o estado de corrupción institucional xeneralizada no que habitamos e que é responsable, en boa medida, da situación de catástrofe económica, laboral e financeira que estamos a sufrir".

"A rexeneración ética dos representantes públicos, a independencia real do poder xudicial, así como a concienciación e a participación cidadá en todos aqueles asuntos que afecten á colectividade, parecen condicións imprescindibles para poder reconducir a situación e amortizar o descrédito institucional no que caeu o sistema democrático", sinalou Durán.

Pola súa banda, Xiz recordou ao "´Ciprianillo ´ ou libro de San Cipriano de Antioquía", que "era un libro mítico para os nosos antepasados, que recollía fórmulas máxicas para encontrar tesouros, especialmente en Galicia e Portugal. Pero ás riquezas só accedían os que sabían ´ ler e desler ´ aquel libro". O mesmo nos pode pasar co libro de Durán, cirurxián que manexa a pluma coa precisión do bisturí, que analiza a actualidade de España, como unha colmea insostible, na que os abázcaros son moitos e poucas as abellas obreiras. Se sabemos ler nel, teremos un retrato en cru, coas cores máis vivas, da sociedade española nestes tempos de cólera, que nos fará pensar, que nos vai preocupar e que ao mellor, isto xa non é tan seguro, levaranos a actuar dunha ou outra forma", expuxo.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes