Presentado na Casa de Galicia en Madrid "Cuento de la Travesía de las Musas", de João Pedro Mésseder

Unha coidada publicación de Hércules de Edicións con ilustracións da artista compostelá Raquel Senra Fernández
Madrid, 16 de decembro de 2019

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación do libro "Cuento de la Travesía de las Musas", de João Pedro Mésseder, unha coidada obra publicada por Hércules de Edicións, con ilustracións da artista compostelá Raquel Senra Fernández. A Travesía das Musas é unha rúa estreita nun barrio vello e pobre dunha antiga cidade pero na que o seu protagonista, Juan, vive rodeado de poesía e diversión que comparte cos seus veciños xunto cos desexos de aventura e liberdade.

No acto interviñeron, ademais do autor João Pedro Mésseder, a ilustradora Raquel Senra Fernández; a editora, Laura Rodríguez Herrera; así como o coordinador de Actividades da Casa de Galicia encargado da presentación, Ramón Jiménez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da casa de Galicia, José Ramón *Ónega.

Jiménez, tras as palabras de benvida, achegou unhas breves pinceladas sobre a obra do escritor portugués João Pedro Mésseder, natural de O Porto e recoñecido autor de literatura infantil e xuvenil, con ilustracións de Raquel Senra, experta tamén neste xénero literario, con tradución ao castelán de Anxo Tarrío desde o portugués, do título orixinal Conto dá Travessa dás Musas, e que fora publicada inicialmente en Portugal en 2010. "O conto narra unha entrañable historia de maiores e pequenos en ambientes doutro tempo moi á mantenta para lembrarnos o acougo perdido das grandes cidades".

O libro, publicado agora pola editorial Hércules de Edicións da Coruña, é unha coidada obra deseñada para todas as idades aínda que pensada para os máis pequenos, cunha linguaxe áxil e amena e no que se mostra un mundo afastado no tempo pero rescatado polo autor e a ilustradora para facelo actual.

A editora, Laura Rodríguez Herrera, agradeceu a João Pedro Mésseder a súa confianza en Hércules para publicar o seu Cuento de la Travesía de las Musas/ Conto da Travesía das Musas e a Blanca Ana Roig Rechou por conectala co prestixioso autor, ademais de conseguir que un filólogo e intelectual da talla de Anxo Tarrío se fixera cargo das traducións das edicións galega e castelá. Tamén tivo palabras de recoñecemento para a ilustradora, Raquel Senra, por "conseguir ambientar á perfección o texto de João Pedro Messéder".

Pola súa banda, a artista Raquel Senra explicou as razóns que a impulsaron a optar por unha ilustración conceptual e por empregar a técnica da colaxe tradicional, con patróns que lembran os azulexos portugueses, ademais de utilizar un fondo branco "como un elemento máis da linguaxe visual ao deixar espazo para imaxinar o que as palabras e as imaxes non din, pero sí evocan".

Por último, o autor, João Pedro Mésseder, inspirado pola frase "A poesía está na rúa", da poeta Sophia de Mello Breyner Andresen durante a Revolución dos Caraveis, falou dos motivos que o levaron a escribir Cuento de la Travesía de las Musas/Conto da Travesía das Musas, "unha historia na que se mesturan recordos e ficción e que supón unha homenaxe á miña infancia no Porto, así como unha contribución para tratar de facer o mundo un pouco máis fermoso".

João Pedro Mésseder

Profesor de ensino superior e natural do Porto, é autor de obras para a infancia, varias delas distinguidas con galardóns en diferentes premios como o Premio Autores da Sociedade Portuguesa de Autores, en 2017, por De Umas Coisas Nascem Outras; Premio Bissaya Barreto de Literatura para a Infa?ncia, en 2014, por Pequeno Livro das Coisas; Mención do Xurado do Premio Compostela, en 2008, por El Tiempo Vuela / O Tempo Voa; Listas de Honra do IBBY 2000 e 2006, por Versos com Reversos e por Palavra que Voa, respectivamente. Autor ademais de libros para adultos, mereceu, en 1999, o Premio Maria Ama?lia Vaz de Carvalho de Poesía co seu libro Fissura. En Hércules de Edicións publicou Cuento de la Travesía de las Musas e El Acuario.

Raquel Senra

Raquel Senra naceu en Compostela, cidade desde a que viaxa a mundos reais e imaxinarios. É unha muller polivalente e a súa formación vira ao redor dos campos da tradución, literatura infantil e xuvenil, ilustración e educación. Actualmente dedícase á tradución, investigación e creación visual e escrita. Para Cuento de la Travesía de las Musas / Conto da Travesía das Musas, realizou un labor de indagación que lle permitiu profundar nos detalles que configuran a historia, creando imaxes simbólicas con técnicas tradicionais que deixan espazo á imaxinación, para que o receptor constrúa a súa propia interpretación do relato.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes