O profesor mercantil e auditor de contas Jorge Borrajo presenta na Delegación da Xunta o seu libro "La empresa explicada a jóvenes de todas las edades"

Publicado por Lautana Editorial
Madrid, 22 de marzo de 2018.

O profesor Mercantil e auditor de contas Jorge Borrajo Prego, coruñés, presentou na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia o libro da súa autoría "La empresa explicada a jóvenes de todas las edades", publicado por Lautana Editorial. Nel afírmase que a nosa relación coas empresas ao longo da vida empeza no hospital no que nacemos e finaliza na funeraria/o cemiterio, pasando pola escola, a universidade, o traballo e a xubilación.

Ademais do autor, na presentación participaron a profesional dos medios de comunicación Silvia Jato, o editor, Juan Mariñas, e o delegado da Xunta en Madrid/director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, quen afirmou que se presentaba "un libro importante, atractivo e útil, de proveito". Entre os numerosos asistentes ao acto achábase o empresario Melquiades Álvarez.

Ónega mantivo que "o libro que hoxe se presenta é unha obra na que, de maneira amena e didáctica, o autor, Jorge Borrajo, conta aos lectores que constantemente, desde que nace ata que morre, o ser humano relaciónase con empresas de todo tipo, e el explícallas con gran mestría".

Mariñas explicou as razóns polas que o libro foi editado en Lautana, "cando nun principio este tipo de publicacións non se contemplaban na idea editorial". "Nada máis comezar a ler souben que sería editado, pois explica conceptos fundamentais dunha maneira sinxela e moi amena", sinalou. "De fácil lectura e comprensión o libro de Jorge Borrajo paréceme unha verdadeira xoia que sen dúbida perdurará no tempo pois o tema, a empresa, nunca pasará de moda, nin entre a xente nova nin entre as persoas de idade un pouco máis avanzada. Pareceume dunha claridade meridiana e moi didáctica, ademais de propicia para refrescar a memoria a calquera que estea a traballar ou non", valorou.

Jato expuxo que "ao longo da experiencia profesional que Jorge Borrajo demostrou no ámbito empresarial tras moitos anos de inesgotable actividade emprendedora e educadora, xurdiu no seu interior a necesidade de explicarnos, cunha linguaxe moi sinxela, para todos, nenos e adultos, o que é unha simple e sinxela visión da empresa; visión, que xamais nos expuxemos, pero que en si demostra enxeño e proximidade". "O libro atrápache desde o primeiro minuto; é diferente a todos e faiche pensar que, efectivamente, queirámolo ou non, ao longo da nosa vida a empresa elíxeche ou a elixes, pero xamais te escaparás de ela", engadiu.

Pola súa banda, o autor, Jorge Borrajo, declarou que a razón que lle levou a escribir este libro, que comezou o 14 de xuño de 1983, da súa propia man, "era e é explicarlle aos mozos que é unha empresa", partindo de que nunca traballaron nunha e ninguén llo explicou. Ademais, "fixen unha enquisa entre mozos e mozas de 12 a 17 anos coa pregunta "para ti, que é unha empresa?", e as contestacións que recibín demostráronme o que supoñía: non teñen idea".

"Vivimos nelas, nas empresas, gústenos ou non, desde que nacemos" e, engadiu, "delas vivimos e viven os nosos fillos", polo que defendeu que tanto os empresarios como os traballadores teñen que coidalas e que "o empresario é ´o cabalo que tira do carro´ da economía".

Entre o que explica o libro, "de forma moi sinxela para que se entenda ben", figuran as sociedades mercantís, limitadas e anónimas, as funcións dos notarios e os rexistradores, a contabilidade por partida dobre, "fundamental nos adiantos actuais", e a rendibilidade das empresas. "Temos que ser rendibles cando traballemos, e isto é tan elemental como explicar que o gasto que xera un traballador nunha empresa (soldo, seguridade social, etc.) ten que ser inferior ao que el xéralle á empresa, pois se fose ao revés e se sucedese así con todos os traballadores, esta desaparecería", manifestou, mantendo que "a empresa ten que gañar diñeiro, canto máis mellor" e que isto podería reverter a favor dos empregados, os empresarios e a Facenda Pública.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes