Vicente Araguas presenta na Delegación da Xunta en Madrid o libro "La lluvia en el mar. Una antología de poesía gallega contemporánea"

Editado por el mesmo e publicado polo Grupo Editorial Sial Pigmalión en edición bilingüe, recolle obra de vinte e seis poetas galegos
Madrid, 3 de outubro de 2018.

 

O escritor, profesor e crítico literario coruñés Vicente Araguas presentou hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o libro "La lluvia en el mar. Una antología de poesía gallega contemporánea", publicado polo Grupo Editorial Sial Pigmalión en edición bilingüe, galego-castelán, no que nesta ocasión exerceu de antólogo e editor e para o que seleccionou unha parte da obra de vinte e seis poetas galegos actuais. Na presentación acompañaron a Araguas o presidente de Sial Pigmalión, Basilio Rodríguez Cañada, o delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, e os poetas antologados na obra Antonio Domínguez Rey, Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Pereira e Luz Pichel, que recitaron algúns dos poemas recolleitos nela e expuxeron a súa particular visión da poesía.

Os poetas antologados e prologados nesta obra por Araguas son: Luz Pozo Garza, Xosé Luís Franco Grande, Manuel Vilanova, Antonio Domínguez Rey, Luz Pichel, Xosé María Álvarez Cáccamo, Cesáreo Sánchez, Xulio López Valcárcel, Chus Pato, Manuel Pereira Valcárcel, Alfonso Armada, Manuel Forcadela, Miguel Anxo Fernán Vello, Medos Romero, Román Raña, Fátima Rodríguez, Eva Veiga, Fran Alonso, Branca Vilela, Miro Villar, Estíbaliz Espinosa, Rafael Yáñez, María Lado, Dores Tembrás, Diana Varela Puñal e Antía Otero.

Ónega deu a benvida a participantes e asistentes e fixo unha introdución ao acto destacando o bilingüísmo da obra e que o seu "editor propiamente dito" é "o escritor, poeta e crítico literario Vicente Araguas". "Ao seu cargo correu a selección e introdución dos 26 poetas galegos cuxos textos recolle a antoloxía. El insiste no seu prólogo en que esta é ´unha antoloxía´, non ´a antoloxía´, nin sequera ´antoloxía´, a secas, da poesía galega de hoxe. En calquera caso é a súa antoloxía, a de Vicente Araguas, e non cabe dúbida de que coñecendo a Vicente será exquisita", explicou.

Rodríguez Cañada explicou que o seu editorial apostou por "La lluvia en el mar. Una antología de poesía gallega contemporánea" "primeiro, pola poesía, xénero polo que, contra os tempos que corren, xogarémosnola sempre e, segundo, por un idioma e unha terra [o galego/Galicia] que amamos e á que proxectos como este permítennos permanecer estreitamente vinculados", resaltando que esta "non é a nosa primeira edición bilingüe nin será a última" e que "máis dun cuarto do catálogo de Sial Pigmalión son títulos de autores galegos". "En terceiro lugar -continuou-, volvemos apostar, totalmente sen risco, polo antólogo, Vicente Araguas, ao que cedemos as rendas confiados no seu bo facer".

"Puxemos nesta choiva todo da nosa parte para conseguir un libro deses que de verdade merecen a pena, dos que ter preto para lelo e relelo da poucos. Imos atopar entre as súas páxinas desde poetas consagrados que coñecemos ben, como Luz Pozo, Franco Grande, Fernán Vello, Chus Pato e Domínguez Rey, ata algúns, e sobre todo algunhas que, confesamos descubrir da man de Vicente, sorprendéronnos e prometemos seguir de preto", engadiu. "Que gran tradición a das poetas galegas e que viva demostra estar", apreciou.

Pola súa banda, Araguas resaltou que "´La lluvia en el mar´ é unha antoloxía ´de autor´. A selección, xa se entende, feita desde o seu criterio personalísimo e intransferible. Por iso é ´unha´ antoloxía, co indeterminante á inglesa. Aínda que, iso si, nela, aparte quen a preside, Luz Pozo Garza e Xosé Luís Franco Grande, por idade e actitude intemporales, están representadas tres xeracións imprescindibles. A de 1968, a de 1975 e a de 2000. Con especial atención a poetas que por vivir fóra de Galicia, ou ben por inclasificables, non adoitan aparecer nas antoloxías ´ad usum´".

"Antoloxía, pois, rebelde ´con causa´, composta por vinte e seis poetas. Que falta xente? Claro. Se cadra -tamén- o propio antólogo, igualmente poeta, que por pudor quíxose manter á marxe. E que xa se comprou un casco, nunha tenda de efectos militares, para o que caia encima. Non hai peor inimigo que o poeta que senta preterido", engadiu con humor.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes