Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentado na Casa de Galicia en Madrid un libro sobre a posible coincidencia de diseño de seres vivos no cosmos

"A teoría dos deseños coincidentes", de Herikberto M. Quesada, expón unha teoría de camiños adaptativos converxentes
21 de febreiro de 2013

A Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a presentación do libro "A teoría dos deseños coincidentes", do autor ourensano Herikberto M. Quesada, que desenvolve nel a teoría de que a evolución no cosmos pode producirse por camiños adaptativos converxentes, desenvolvéndose seres vivos moi similares aos do noso planeta, mesmo ao ser humano.

Madrid, 21 de febreiro de 2013. - A Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a presentación do libro "A teoría dos deseños coincidentes", do autor ourensano Herikberto M. Quesada, que desenvolve nel a teoría de que a evolución no cosmos pode producirse por camiños adaptativos converxentes, desenvolvéndose seres vivos moi similares aos do noso planeta, mesmo ao ser humano.

Publicado por Editorial Manuscritos, este ensaio explica o proceso de evolución biolóxica dende hai 3.500 millóns de anos ata a aparición do "homo sapiens". Tamén explora como podería ser a vida noutros planetas con condicións de habitabilidade semenjantes, introducíndonos nunha nova disciplina: a astrobiología. Na presentación interviñeron o propio autor, o doutor en Medicina e Ciencias Físicas Juan Aguirre Cebeiro e o coordinador das actividades culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen dixo da obra que se trata de "un libro sobre o apaixonante mundo da evolución que faría as delicias de Charles Darwin” e do autor que é un artista que vai máis alá da arte convencional, "un artista e científico de vangarda que propón multitude de anatomías posibles ao longo, ancho e esférico do Universo".

Herikberto, que desenvolveu unha importante obra gráfica e escultórica sobre esta materia -en parte exposta nesta Casa a principios de 2011- explicou que este ensaio é o resultado dun traballo de 22 anos. "A miña profesión é artista e deseñador, deseñei para anuncios e films todo o inimaxinable, o meu traballo durante anos consistía en analizar como o home deseñaba os artefactos. Unha vez que afondei neste campo, o meu reto foi analizar como a evolución creaba e deseñaba as formas de vida a partir da adaptación por selección natural", explica neste.

Pero o máis interesante que formula neste ensaio é que argumenta "que a vida noutros planetas do universo pode ser moi similar á que se deu na Terra". "Esas posibles similitudes poderían darse debido á ´ evolución converxente ´ que é o proceso que teñen os organismos para adaptarse a un nicho ou mesmo medio. Así formulo que as grandes similitudes do deseño e a evolución nun estado xeral en determinados ecosistemas están equilibradas por un conxunto de ´ converxencias múltiples fundamentais ´ posibilitando que os organismos estean adaptados e sobrevivan. A teoría das ´ converxencias múltiples ´ achega unha solución singular, ofrecendo a posibilidade de que se desenvolvesen seres intelixentes con forma humanoide ou antropomorfa", expuxo.

Trátase dunha visión nova sobre a evolución, dende a perspectiva dun artista e deseñador que aplica estas formulacións cando crea como artista, pois o seu traballo "nos últimos anos consiste en ´ crear posibles especies ´, dende o marco da arte contemporánea e da arte conceptual".
Pola súa banda, Aguirre Cebeiro destacou que "Herikberto M. Quesada explícanos como a evolución a partir da adaptación por selección natural deseña as formas de vida", referíndose así mesmo á teoría, "única e orixinal", que o autor establece a partir do fenómeno da "´convergencia adaptativa" que leva a que a vida noutros planetas do cosmos con marxes de habitabilidade podería ser moi similar á que coñecemos na Terra.

“Estamos ante unha obra con rigor científico elaborada por un artista e deseñador que a dedicado toda a súa vida a estudar a evolución non só dos artefactos creados polo home, tamén a evolución dos organismos a partir da adaptación por selección natural", mantivo.

Herikberto M. Quesada é artista, pintor, deseñador e naturalista. Hai varios anos realizou un traballo co físico teórico Pérez Mercader sobre a evolución para inaugurar o Centro de Astrobiología de Madrid, que traballa directamente coa Nasa. É coñecido no mundo audiovisual como un creador de mundos.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes