Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Otilia Seijas presenta na Casa de Galicia en Madrid o seu último libro, "Los amigos lejanos"

Publicada por Hércules Ediciones, é a súa novena obra
Madrid, 19 de novembro de 2014.

A escritora lucense Otilia Seijas García presentou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia o seu noveno e último libro, "Los amigos lejanos", publicado por Hércules Ediciones, unha novela realista que se desenvolve en ambientes recoñecibles da Galicia da posguerra, nos anos cincuenta.

Interviñeron na presentación, ademais da propia autora, o escritor e director de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, Ramón Pernas, o editor, Francisco Rodríguez Iglesias e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid José Ramón Ónega, quen fixo un biografía da autora, á que definiu como "prosista de linguaxe sinxela e penetrante" e se referiu ao esforzo por sobrevivir dos personaxes do seu libro como "parte do milagre que todos levamos dentro". Trátase, dixo, dun "libro que interesa, emociona e descobre sentimentos e novas facetas do ser humano". Entre o público estaba o exconselleiro Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, marido da autora.

"Non hai un só escritor que, sentíndose parte da España común, non desexe ferventemente presentar o seu libro nesta gran capital, sempre aberta e cordial. E unha escritora galega sente, ademais, unha especial satisfacción se a oportunidade de presentar a súa obra é na Casa de Galicia", dixo Seijas.

Sobre "Los amigos lejanos" explicou que versa sobre as vivencias dun grupo humano nos anos da posguerra, que é un relato obxectivo, que se inspira en "un barrio dunha cidade calquera de Galicia" e que quixo "que o verdadeiro protagonista da novela fosen as relacións entre os seus personaxes". "O libro é realista en canto describe unha realidade e é un estudo costumista daquela vida difícil", "contrapunto a esta actualidade nerviosa", expuxo. Tamén, que o título "non se refire á distancia no sentimento senón á distancia no tempo".

Pernas dixo que con "Los amigos lejanos" recuperou o sabor polo próximo, que Seijas conta nel a historia "con sabor a magosto, de fogar, táctil, o sabor dun abrazo, do cotián elaborado", que lle evocaba a tradición oral pois "ten o achado de que parece que estás a escoitar, non lendo". Apuntou tamén que é unha novela aberta, que pode ter continuidade, algo que a autora dixo que se estaba a pensar. Tamén gabou o traballo como escritor de José Ramón Ónega.

O editor da novela, Rodríguez Iglesias, declarou a súa admiración pola creación literaria e subliñou que esta novela de Seijas vai pola súa segunda edición e que "non é nada doado nos tempos que corren facer dúas edicións".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes