Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentado na Casa de Galicia en Madrid o libro "Lugo a cidade dos tesouros encantados", de Lois Diéguez

Con fotografías de Xulio Gil, foi editado por Engaiolarte Edicións
Madrid, 12 de novembro de 2014.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia acolleu hoxe a presentación do libro "Lugo, a cidade dos tesouros encantados", escrito por Lois Diéguez, con fotografías de Xulio Gil e editado por Engaiolarte Edicións. No acto proxectouse un vídeo que introduciu os espectadores na proposta literaria e visual da obra e despois participaron na presentación, ademais do autor e o fotógrafo, o editor, Xan Carballa, e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega. Interviñeron tamén, lendo fragmentos do libro e acompañados de sons e imaxes, Henrique Albor, Nicolás Herchón, Nacho Pérez, Inés Canosa, Lila Rodríguez e Eva Lema.

A obra aposta por un novo xeito de entrar na realidade histórica, patrimonial e cultural da bimilenaria cidade, percorrendo as súas rúas e deténdose no descubrimento de tesouros que só aparecen á vista do espectador e do visitante atento.

Ónega, lucense, recordou a súa infancia na cidade. "Lugo sempre foi unha vivencia poderosa", sostivo, supoñendo que algún tesouro importante debeu gardar para que os romanos a protexesen coa "poderosa defensa" que son as súas "marabillosas murallas". Respecto á obra, afirmou que "é un tesouro bibliográfico sobre Lugo", gabando tanto o seu contido literario como gráfico.

Diéguez explicou que este é "un libro que vai rompendo pautas", "unha guía que rompe os esquemas tradicionais", nela non se encontran restaurantes nin hoteis onde aloxarse, pero lévanos ao corazón da cidade, onde "están os seus monumentos e tamén as súas xentes" e no libro tamén hai xente real e xente imaxinada. "É un xogo constante no que quero que participen os lectores. Ao final, os índices mostran con claridade o xogo entre a realidade e a creación, descobre que personaxes existiron e cales forman parte de historias literarias".

Xulio Gil recoñeceu a importancia dos contidos nas novas tecnoloxías pero gabou o formato do libro "que permite moitas lecturas cada vez que nos achegamos a el" e que nos gusta “para agasallar e agasallarnos, para que perdure, sobre todo se se fai ben, bonito e barato,".

Xan Carballa explicou que este libro é o núcleo inicial de Engaiolarte, un proxecto que viña xerándose de lonxe e que está a dar os primeiros pasos aínda que xa publicaron outras obras. "Cabalga entre a ideación literaria e a ideación gráfica", observou sobre a obra, manifestando a súa satisfacción polo resultado e a acollida que está a ter o libro.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes