O poeta coruñés Salvador Mira presenta na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a súa primeira novela, "Después del silencio", publicada por Editorial Manuscritos

O autor entra na narrativa tras unha década na poesía
Madrid, 23 de novembro de 2017.

O poeta coruñés, de Pontedeume, Salvador Mira,tras unha década na poesía, fai a súa primeira incursión no xénero narrativo coa novela "Después del silencio", publicada por Editorial Manuscritos e presentada esta tarde na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia nun acto no que interviñeron, ademais do autor, a filóloga, poeta, autora de libros de gramática de español para estranxeiros e directora académica de AulaDiez, Susana Diez de la Cortina, e o coordinador de Actos Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen o fixo en representación do delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega.

Jiménez apreciou que a nova obra de Salvador Mira é "unha novela coral poboada de voces que prefiguran o arquetipo colectivo da poboación dunha localidade costeira chamada Santa María de Pontás, que se revela como o único personaxe principal" e que nela "todos os personaxes están angustiados por un gran silencio, ata que vén o ´despois do silencio´do título´".

Diez de la Cortina lembrou que "a produción literaria de Salvador Mira comeza coa publicación en 2007 do seu primeiro poemario e, tras unha década de intensa dedicación á poesía exclusivamente, desemboca na publicación da novela que presentamos aquí, ´Después del silencio´". "Nela, o autor reflicte cunha visión extremadamente crítica e descarnada os males da sociedade actual a través da descrición dun pobo imaxinario, Santa María de Pontás, no que os diferentes personaxes que o poboan configuran o que podería ser calquera comunidade humana nos nosos días", explicou.

Respecto ao autor, mantivo que é "un creador dunha utenticidad tremenda", cuxa obra se sustenta no amor e nunha feroz crítica social e que o rexistro persoal que se acha na súa poesía persiste na novela, na que aparece envorcado no personaxe principal e noutros personaxes pois, valorou, trátase dunha "novela de personaxes". Entronca, "na sensual descrición da súa terra, coa gran tradición lírica galega, á maneira rosaliniana", engadiu.

Sinalou así mesmo a relevancia que este ano 2017 está a ter na carreira literaria de Salvador Mira, con dous importantes fitos: a aparición de "Destierro en la Tierra" (Ediciones Vitruvio), que recolle toda a súa obra poética ata o momento, distribuída en cinco poemarios, e a publicación de "Después del silencio", a súa primeira novela.

Pola súa banda, o autor explicou o seu paso da poesía á novela no convencemento de que era o medio que necesitaba para completar a súa visión da realidade, creando personaxes que plasmen "certos aspectos que deambulan pola miña alma e o meu pensamento". "É unha novela crúa, contundente, inquietante, sen compaixón", mantivo, sobre cuxos personaxes dixo que "somos ti e eu, os nosos veciños, os nosos amigos… E como na vida, uns están vivos e a pesar do sufrimento pelexan por ser eles mesmos, outros agonizan e móvense á deriva, dando tumbos, como troncos na enfurecida corrente dun río, e outros directamente son demos na Terra". "A novela ten un estilo sinxelo e diáfano; é unha historia cun ritmo e unha estrutura que facilitan moito a súa lectura. Espero que o lector atope nela sentimento, emoción, reflexión e sobre todo verdade", expuxo.

"Después del silencio" é unha novela coral que se desenvolve na imaxinaria localidade costeira de Santa María de Pontás, na que as andanzas dos personaxes van configurando o arquetipo colectivo da localidade, que, no fondo, é o personaxe principal. "Baixo unha aparencia de normalidade escóndense os enconados xogos de poder dunha comunidade clasista, pechada e endogámica, caldo de cultivo das máis abxectas paixóns do ser humano que, cociñadas ao lume lento dun desapiadado materialismo, desencadearán o tráxico final que aparecerá ante o lector como única e fatal solución: un desgarrador berro liberador que resoará, despois do silencio, co cariz dun verdadeiro acto de axustizamento", adianta a editorial na contraportada da novela.

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes