Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O escritor vigués Francisco Castro presenta na Casa de Galicia en Madrid a súa última novela, "O Corazón da Branca de Neve"

No marco de Galego non Espazo das Linguas, presentado pola profesora Carmen Lamela e polo delegado da Xunta, José Ramón Ónega
12 de decembro de 2013

O escritor vigués Francisco Castro presentou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a súa nova novela, "O corazón da Branca de Neve", publicada por Editorial Galaxia, unha historia policial que aparece nas librarías como a primeira aventura do inspector Hermida e con vocación de continuidade. A obra, escrita en galego, recibiu o Premio de Novela por Entregas 2013 de La Voz de Galicia.

Madrid, 12 de decembro de 2013. - O escritor vigués Francisco Castro presentou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a súa nova novela, "O corazón da Branca de Neve", publicada por Editorial Galaxia, unha historia policial que aparece nas librarías como a primeira aventura do inspector Hermida e con vocación de continuidade. A obra, escrita en galego, recibiu o Premio de Novela por Entregas 2013 de La Voz de Galicia.

A presentación tivo lugar no marco das clases de galego que Galego non Espazo das Linguas desenvolve na Casa da man da profesora Carme Lamela, que foi tamén a presentadora do novelista, e contou coa presenza do delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, quen desexou a Castro que a obra teña todo o éxito posible e resaltou o labor de Lamela no ensino do galego, "que valoramos moito".

O autor, durante o animado coloquio cos asistentes, declarou que xa se encontra moi avanzada a segunda historia "deste policía canso, sagaz, astuto e un pouco farto da vida, pero consciente de que se os malos están entre reixas o mundo é un sitio mellor".
Durante a súa intervención, Castro explicou a xénese da novela e como a figura do inspector Hermida xa estaba moi madura na súa cabeza no momento no que decidiu escribir a súa novela para presentarse ao Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, certame no que finalmente resultou gañador con esta obra. A trama céntrase na investigación do roubo dunha bebé a unha inmigrante sen papeis. A principal característica da novela, segundo comentou, é a rapidez da trama e o manexo da intriga. "Como moitos lectores e lectoras me comentaron, non puideron deixar de ler ata o final".

Lamela resaltou que Castro, que estudou Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela, agora "vive na ficción, rodeado de letras e de libros". Explicou que, entre outras cousas, o escritor coordina Novos Proxectos de Editorial Galaxia, dirixe talleres literarios, preside a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil e colabora en varios medios de comunicación. Tamén que o libro presentado é o número vinte da súa produción, na que é recorrente a denuncia social, recordando outros títulos anteriores como “Xeración perdida, “Spam -Premio Blanco Amor-, “In Vino Veritas”, “Xeografías” ou “As palabras da néboa -Premio de Novela Manuel García Barros-; “Un bosque cheo de faias”, “O ceo dous afogados” e “Chamádeme Simbad” que reciben o Premio Frei Martín Sarmiento; “O segredo de Marco Polo” ou “O neno can”, este, con Fina Casalderrey, está incluído en 2013 na Lista de Honra de IBBY para os mellores libros sobre o tratamento da minusvalidez.

Subliñou así mesmo que esta última obra de Castro "acaba de nacer, ten só uns meses, e xa vai camiño da segunda edición".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes