Moncho Conde-Corbal presenta na Casa de Galicia o libro "O noso camiño. Guía pelerinaxe Ourense Santo André de Teixido"

A obra homenaxea a peregrinaxe que por este Camiño realizaron en 1927 Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey
Madrid, 26 de setembro de 2019.

O escritor e editor ourensán Moncho Conde-Corbal presentou hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o libro "O noso Camiño. Guía pelerinaxe Ourense-Santo André de Teixido", do que é coautor xunto a Santiago Lamas. A obra, editada por Ediciones El Cercano, que dirixe Conde-Corbal, conta con colaboracións de Darío Villanueva e Manuel Janeiro, con fotografías de Moncho Conde-Corbal e Antonio Vázquez e con cartografía de José García-Calvo e Antonio Vázquez. Trata da peregrinaxe desde Ourense a San Andrés de Teixido, 262 quilómetros que aborda en once etapas, con cartografía, fotografías, datos sobre as súas características técnicas e posibles aloxamentos e o relato do percorrido; é unha homenaxe á peregrinaxe que por este mesmo camiño realizaron os membros da Xeneración Nós Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey en 1927.

Ademais de Conde-Corbal, interviñeron na presentación o coordinador da cartografía da obra, José García-Calvo, o xornalista de TVE Xaquín López e o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen o fixo en representación do delegado e director da Casa, José Ramón Ónega.

Jiménez afirmou que "é unha guía na que non falta detalle" e apreciou que para os membros de Xeneración Nós que fixeron este Camiño en 1927 "camiñar cara aos lugares sacros ou espazos de salvación é comprender o ser de Galicia en comuñón profunda coa terra, coa súa realidade". "Próximo xa o Xacobeo 2021, vemos como os camiños, todos os camiños, sacódense o po e axítanse, como os camiños quentan motores e empezan a camiñar a un ritmo cada vez máis trepidante. Así que vaia desde aquí o meu ´bo camiño´ para todos os camiñantes de verdade", desexou.

Conde-Corbal explicou que o proxecto de recuperar este Camiño xestouse a principios de século, "tras a lectura do libro ´ Pelerinaxes´ que en luminoso día descubriume o psiquiatra e escritor galego Santiago Lamas". Esta lectura fixo xurdir a idea de repetir o mesmo camiño que abriron en 1927 os tres ilustres Nós. "Razóns de recoñecemento ao seu labor intelectual, así como o propio recoñecemento da paisaxe actual en contraste coa Galicia de hai un século impulsaron o propósito de preparar o camiño cos modernos métodos cartográficos e de localización de mapas para propagalo a unha cidadanía contemporánea que vive de costas ao territorio rural, no que vén denominándose a Galicia baleira", expuxo, valorando o libro como instrumento de promoción para eses territorios e paisaxes.

Para facer o roteiro e escribir o libro buscou o apoio do intelectual Santiago Lamas, "gran coñecedor da Xeneración Nós". Ademais, contou con "unha persoa veterana no mundo do sendeirismo", José García-Calvo, "coronel na reserva e licenciado en Educación Física que é responsable das Andainas culturais da Universidade Sur de Galicia", quen levou consigo a Antonio Vázquez como responsable da localización de mapas e roteiros. "Con estas tres persoas constituímos o equipo que ao longo de varios meses fixemos o camiño a pé, debido a que saïamos unicamente os luns por impedimentos laborais".

Detallou así mesmo que o libro esgotou a primeira edición e están últimando a segunda, ampliada "con máis colaboradores e as experiencias do primeiro camiñante solitario que acabou o camiño guiándose polo noso libro e a de dous ciclistas que tamén foron os primeiros en percorrelo pedaleando". Conde-Corbal expresou o seu desexo de que as administracións fagan deste Camiño "algo atractivo que entronque a todos os galegos coa alma de Galicia a través dos pés que pisan o seu chan" e desvelou que a Xunta de Galicia, "aínda que timidamente, xa apostou dalgunha forma por este proxecto" desde a Dirección Xeral de Políticas Culturais.

Xaquín López centrou a súa intervención na presentación de San Pedro de Viana, parroquia de Chantada que é unha das etapas do roteiro. Falou do seu patrimonio rural, destacando que o seu emblema é o Pazo das Casas, reconvertido en casa de turismo rural, e a existencia de numerosas "casas grandes" como A Casa dos García, a maioría reformadas e en bo estado; e do seu patrimonio monumental, afirmando que "as igrexas desta zona da serra do Faro non teñen nada que envexar ás famosas igrexas da Ribeira Sacra", resaltando a de Bermún, do século XII, e a arquitectura relixiosa viaria: "Un cruceiro e un peto de ánimas na estrada local a Chantada son exemplos notorios que nos lembra que este é un dos principais roteiros para cruzar o monte do Faro, no Camiño de Inverno a Compostela".

Referiuse así mesmo ao seu patrimonio natural e a súa situación actual. "A súa paisaxe está marcado por praderías extensas, castiñeiros e frondosos bosques cruzados polo río Asma". "A base económica é a gandería de leite, aínda que o seu futuro está ameazado polo despoboamento. Só dez veciños viven permanentemente nunha parroquia que nos anos setenta chegou a ter douscentos habitantes e contaba con escola rural", lamentou.

García-Calvo falou das características físicas e orográficas do terreo, a súa dificultade, o equipo necesario para percorrelo, da confección dos mapas das distintas etapas, perfectamente detallados, e o código QR que os acompaña "para guiarse metro a metro sen risco algún de perderse". Cualificou a dificultade do Camiño de media, destacando as maiores pendentes da súa última parte, "subindo desde As Pontes á Faladoira e a última subida á Capelada". "A calidade dos mapas está á escala 1:50000, pero vese completada co código QR que leva asociado e que descargando unha aplicación informática no teléfono móbil oriéntanos palmo a palmo sobre o terreo sen perigo algún de perderse", sinalou.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes