A xornalista lucense Aida Soilán presenta na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a súa primeira novela, "Orillas de Ébano. El swing del destino"

Nela unha xornalista de Nova Orleans enfróntase á súa propia historia
Madrid, 7 de xuño de 2017.

A xornalista lucense Aida Soilán Enríquez presentou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a súa primeira novela, "Orillas de Ébano. El swing del destino", publicada por Editorial La Plana e prologada pola editora Carmen Sánchez Egea, na que a recentemente estreada escritora narra a historia dunha xornalista de Nova Orleans que se enfronta "á peor das historias, a súa propia". "Tenta con todas as súas forzas conectar coa súa pel de ébano".

Acompañaron a Soilán na presentación a xornalista, escritora, profesora e avogada Nieves Herrero, o profesor da Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid David Álvarez Rivas e Ramón Jiménez, coordinador de Actividades Culturais da Delegación da Xunta/Casa de Galicia, que o fixo en representación do delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega.

Jiménez adiantou que a novela está protagonizada "por unha xornalista de Nova Orleans que se enfronta á súa propia historia ao conectar coa súa pel de ébano, como a do seu avó Simón". "Non é de estrañar que o personaxe principal sexa unha xornalista, como a autora, pois abertamente declara estar namorada desta profesión", apreciou.

Nieves Herrero anunciou aos futuros lectores da novela que "seremos testemuñas de excepción de todos os vendavais que sacoden a unha alma feminina, narrados coa proximidade, a sensibilidade e a tenrura coas que só unha muller pode retratalos". "A través de ´Orillas de Ébano´ asistiremos aos eventos e tradicións que marcan o carácter de Nova Orleans como o coñecido Mardi Gras. A súa música resoará nos nosos oídos, os seus sabores e cheiros deleitasen os nosos sentidos e a nosa alma empaparase de soul", engadiu.

"O libro segue a mellor tradición de xornalismo e literatura, con Truman Capote ou García Márquez como máximo expoñente. A narración da xornalista protagonista usa figuras retóricas que captan a atención da lectura cun argumento novelesco de calidade. Unha delicia", mantivo respecto da novela o profesor Álvarez Rivas.

Pola súa banda, a autora, Aida Soilán, explicou que "a maxia do soul ensinouma unha muller de raza xitana coa cal me entrevistei en numerosas ocasións para facer un traballo de fin de carreira centrado na escravitude e trátaa de mulleres de orixe criollo-latino. A nai desta muller era orixinaria de Nova Orleans". "Gústame pensar que non é unha novela para mulleres, senón que é para os que aman ás mulleres, que deberiamos ser todos", dixo respecto da súa obra, que percibe como "a historia dunha oportunidade á maxia que conforma a gran historia de amor esquecida, a que fala do amor a un mesmo".

Aida Soilán é licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, MBA en Dirección Empresairal (Universidade de Nebrija) e Grao Superior de Presentadores TV na Escola Jesús Hermida.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes