O escritor pontevedrés Xulio Ríos presentou na Delegación da Xunta en Madrid o seu libro "Pepe Castedo. Vida y Azares. De la Guerra Civil Española a la Revolución Cultural China"

A obra foi publicada por Teófilo Edicións en español e chinés
Madrid, 21 de novembro de 2019.

O escritor pontevedrés Xulio Ríos presentou hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o libro publicado por Teófilo Edicións "Pepe Castedo. Vida y Azares. De la Guerra Civil Española a la Revolución Cultural China", do que é autor. A obra, de pequeno formato e encadernada en tea, con tapa dura, está escrita en español e en chinés, e dedicada á figura de Pepe Castedo, nacido en Madrid de nai ferrolá, que fixo historia na China de Mao, onde impartiu docencia ata 1979. Foi publicada por Teófilo Edicións.

Na presentación da obra interviñeron, ademais do autor e o xerente da editorial, José Luis Teófilo Piñeiro, o exembaixador de España en China Felipe de la Morena y Calvet, o escritor Juan Morillo, a xornalista Ana Fuentes e o delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López. Entre os asistentes había algúns alumnos chineses de Pepe Castedo que residen en España.

Ónega explicou que o libro trata da enigmática vida de Pepe Castedo, un personaxe interesantísimo, alcumado El Gallego, fillo de asturiano e ferrolá, que tras a guerra civil exiliouse en Francia e que posteriormente, en 1964, establecidas as relacións diplomáticas entre Francia e a China Popular, trasladouse a Pequín como experto estranxeiro, unha figura moi prestixiosa en China, cun status que podería cualificarse de paradiplomático, onde entre outros acontecementos históricos viviu a Revolución Cultural.

Tamén presentou ao resto dos intervenientes, que conversaron entre eles respondendo as cuestións que lles expuña a xornalista Ana Fuentes, columnista do diario El País e excorrespondente en Pequín, que se interesou por como o autor do libro chega á figura de Castedo, como era a China á que chegou, a figura dos "expertos estranxeiros" dos que formou parte, polos seus posicionamentos políticos e xestos como rebaixarse o soldo á metade así como pola súa morte en soidade, entre outras cousas.

Da Morena e Calvet, o embaixador que instou a concesión da Cruz de Alfonso X El Sabio que recibiu Castedo en 1980 en recoñecemento á súa excelencia educativa, referiuse ao autor e a vocación intelectual que envorca sobre China para centrarse despois no libro sobre José Castedo, o "Maestro Pepe´, como lle chamaban os seus alumnos".

Segundo o exembaixador, este libro "é froito dunha difícil investigación polas escasa fontes documentais que hai. Iso con todo, Ríos consegue descubrir ao seu personaxe a través dos seus compañeiros de traballo en Pequín. Narra os seus desenganos xuvenís tras pasar pola URSS e enfrontarse a unha China onde, dous anos despois da súa chegada (1964), comeza a Revolución Cultural, verdadeiro atentado á intelixencia, que desatou as paixóns máis baixas do ser humano. Os seus alumnos dicíanlle -como me contou- cando todo pasara: `Mestre Pepe se é que agora non sabemos pensar´".

Resaltou tamén que "o seu desengano, que incluíu unha folga de fame, levoulle a envorcarse no ensino do español, entregándose totalmente aos seus alumnos. Estes devolvéronlle a súa entrega e dedicación con extraordinario agarimo, respecto e admiración, o que persoalmente puiden comprobar cando conseguín que se lle condecorara coa Orden de Alfonso X El Sabio, en recoñecemento ao seu labor de ensino do español, acto ao que asistiron centos de antigos alumnos e personalidades chinesas moi relevantes do mundo da Cultura". "Tras o seu desencanto dunha China que el había idealizado, regresou a España para refuxiarse na súa familia, que tamén lle fallou. Quen non lle fallaron nunca foron os seus alumnos chineses que admiraron nel a súa total entrega e a súa actitude inflexible contra todo tipo de inxustizas", engadiu.

Ríos abordou os principais aspectos do proceso de elaboración do libro e do personaxe, con especial incidencia na recollida de testemuños múltiples. Tamén Morillo e Teófilo referíronse con anterioridade á figura de Castedo e, o editor, á idea de dedicarlle este libro.

José Castedo Carracedo, coñecido como "El Gallego", obtivo o estatuto de refuxiado político en Francia tras a guerra civil española e en 1964 cambiou París por Pequín, onde impartiu docencia ata 1979, ensinando español con métodos autodidactas; chegou a ser o único profesor de español que había en Pequín e sen ensinar prácticamente gramática os seus alumnos aprendían a comprender e falar en español chegando a exercer como excelentes tradutores e intérpretes. Dise que ademais traballou en varias publicacións e medios informativos e mesmo que colaborou na edición en español do Libro Rojo de Mao. En París xestionou o seu traslado a Pequín como " zhuan jia" ou experto estranxeiro, unha figura que en China gozaba dun gran recoñecemento e que lle confería un status paradiplomático.

Viviu a Revolución Cultural China de principio a fin. Protagonizou un dos episodios máis soados entre a comunidade de expertos estranxeiros, que se viron obrigados a seguirlle: sen aviso previo, decidiu rebaixarse o soldo á metade e trasladarse a vivir cos chineses aos precarios dormitorios da escola, abandonando o confortable Hotel da Amizade onde estaba. A súa simpatía cos ideais maoístas non lle impediu expresar o seu malestar cunha folga de fame cando os Gardas Vermellas prohibiron a música de Beethoven da que tanto gustaba. En 1979, decide regresar a España. Tiña 65 anos.

Cando en 1981 regresou a China para ser honrado coa Cruz de Alfonso X El Sabio na embaixada española en presenza de numerosos altos funcionarios chineses, moitos dos cales foran os seus alumnos, deixou entrever o seu arrepentimento por aquela decisión. Tentou quedar pero xa non era posible o seu regreso ás aulas. Despois dun tempo residindo en Málaga trasladouse ao seu Madrid natal, onde non achou o acubillo que esperaba. Deprimido, suicidouse o 24 de decembro de 1982.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes