Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Francisco Castro presenta na Casa de Galicia en Madrid a súa última novela, "Tes ata as 10", publicada por Editorial Galaxia

O escritor e editor vigués construíu unha trama de intriga e suspense que contén moitas historias
Madrid, 23 de abril de 2015.

Coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro, hoxe presentouse na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a novela "Tes ata as 10", publicada por Editorial Galaxia, do novelista e editor vigués Francisco Castro, unha trama de intriga e suspense que contén moitas historias distintas e que parte coa recepción por parte do protagonista dun correo electrónico enviado polo seu pai, que morrera.

Interviñeron na presentación, ademais do autor, a profesora de galego Carme Lamela e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen resaltou a conmemoración de Día Internacional do Libro e indicou que a presentación desta novela, en lingua galega, é "a nosa forma de celebralo”.

Lamela observou algúns paralelismos entre o autor e o protagonista da novela -ambos os dous estudaron na Universidade de Santiago de Compostela, os dous son editores e os dous teñen en común a cidade de Vigo e o barrio de Teis-, resaltou a presenza do autor na redes sociais e a súa participación no ensino do galego.

Respecto á obra, mantivo que "é unha apaixonante novela de amor e intriga, que nos mantén en suspenso durante as case trescentas páxinas do libro". "Unha novela ambientada na época actual, que viaxa aos anos finais o franquismo. Unha novela política, onde se fala da realidade e se intenta transformala; a denuncia social, tema recorrente na obra de Francisco Castro, tamén está presente nesta", engadiu.

Castro, que xa presentou na Casa de Galicia a súa anterior novela, "O Corazón da Branca de Neve", igualmente acompañado por Carme Lamela, hai dous anos, centrou a súa intervención nesta ocasión en explicar por que escribiu "Tes ata e as 10", que foi o que lle deu saída dentro do seu maxín e os seus obxectivos.

No básico, estes obxectivos "teñen que ver coa idea de reivindicar as grandes novelas de aventuras, de intriga, ese tipo de escritos que nos obriga a ler e ler e ler e nunca parar". "Ao mesmo tempo, quixen construír un ´ libro de fronteira ´ que poden gozar tanto os máis novos coma os adultos. De feito, está a ser así e por iso estes días está a saír da imprenta a segunda edición desta novela que está a ter moita penetración nos centros de ensino pero tamén nas librarías", explicou o autor.

Francisco Castro é escritor en lingua galega e escribe para todas as idades. Parte da súa obra está traducida ao castelán, catalán, italiano e ao portugués de Brasil. Traballa como editor de Literatura Infantil e Xuvenil e coordinador de Novos Proxectos na Editorial Galaxia. Entre outros, recibiu o Premio Blanco Amor de Novela 2005 e estivo na Lista de Honra IBBY con dúas obras, en 2012 e 2013.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes