Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O endocrino Enrique Rodríguez presentou na Casa de Galicia en Madrid o seu libro "Un cociñeiro no universo. Cartas a Carla"

Tamén interviñeron, ante un centenar de persoas, o delegado da Xunta, José Ramón Ónega, e o catedrático de Estrutura Económica Ramón Tamames
Madrid, 26 de xuño de 2014

Carlos Enrique Rodríguez Jiménez, médico especialista en Endrocinología, Metabolismo e Nutrición, presentou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia o seu libro "Un cociñeiro no universo. Cartas a Carla", no que o autor aborda temas universais en epístolas dirixidas á súa filla Carla, que se achaba entre o público e a quen escribe "por se lle serve". Fíxoo acompañado polo delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, e o catedrático de Estrutura Económica e membro do Club de Roma e da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas Ramón Tamames, que tamén interviñeron ante o centenar de persoas que encheu a sala na que se desenvolveu o acto. Entre os que se achegaron a saudar o autor achábase o exministro e expresidente do Parlamento Europeo Enrique Barón.

Ónega afirmou que o libro presentado constitúe "unha sorpresa tanto polo seu contido coma polo seu estilo e, sobre todo, pola súa mensaxe". "É un texto que ilumina, esclarece e dá pistas do universo que todos levamos dentro", mantivo.

Para Tamames trátase dun libro "pioneiro en moitos aspectos, grandioso e á vez intelixible". "Hai moitos traballos de cosmoloxía nos últimos tempos, cando os observatorios astronómicos e astrofísicos están a experimentar avances portentosos. E cando o LHC do CERN en Xenebra, e outros centros científicos, van achegándonos máis ao momento do Big Bang. E dentro desa gran bibliografía, destaca en España o libro ´ Un cociñeiro no Universo. Cartas a Carla ´ do enxeñoso fidalgo da medicina e da ciencia en xeral que é Carlos Rodríguez Jiménez: un portento en capacidades de exposición e en atraer a xente a disciplinas que nos fan pensar que vivimos nun universo antrópico", expuxo o economista, catedrático Jean Monet da Unión Europea e "interlocutor permanente co autor" do libro.

Segundo o autor, o libro é un ensaio/reflexión sobre o macrocosmos e o microcosmos e o comportamento humano individual, político e social. Neste sentido formulou que "vivimos nun Misterio atractivo, un sudoku poli-dimensional, intricado, suficientemente subyugante para seguir mergullándose nas súas profundidades" e que "o ser humano necesita ignorar moitas cousas para incentivar pouco a pouco a súa curiosidade. A ignorancia humana dende ´os seus arredores cara aos seus adentros ´, é tan colosal como o propio e enigmático universo. E esa provocación a indagar, amasar ideas e sazonar conxecturas; de elixir menús, de saborear e estimular o noso saber, fainos ser cociñeiros universais".

Rodríguez Jiménez, explicou que " ´ Un Cociñeiro no Universo ´ é un convite permanente á reflexión, a interiorizarse, buscando dentro de nós, aquilo que tamén está no exterior que nos rodea. O macro e o microcosmos, nun duelo constante, que nos axudará a coñecer a nosa identidade". "Os ´ Cociñeiros do Universo ´ somos todos e cada un de nós, e formúlasenos nada máis nacer, elixindo as materias primas máis oportunas, para desenvolvernos, con soltura, nesta outra gran cociña que é a vida", mantivo, sinalando que o libro "trata de analizar e estimular o pensamento e a intelixencia. Pensar ben! Opinións que incidan en aptitudes e, o máis importante, actitudes humanas".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes