Marcelino Oreja abre as Xornadas de "Conmemoración do XX aniversario da Rúa do Peregrino, obra da artista María Carretero", que se celebran na Casa de Galicia

Coa conferencia "Camiño de Santiago, Camiño de Europa"
Madrid, 26 de outubro de 2016.

Marcelino Oreja Aguirre, presidente de honra da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas e fillo adoptivo de Santiago de Compostela abriu esta tarde as Xornadas de "Conmemoración do XX aniversario da Rúa do Peregrino, obra da artista María Carretero", que se celebran hoxe e mañá na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia, coa conferencia "Camiño de Santiago, Camiño de Europa". As Xornadas, a protagonista das mesmas, María Carretero, e o relator foron presentados polo delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López, nun acto que tamén contou coa participación da autora da Rúa do Peregrino -un espazo de descanso de peregrinos situado en Sarria (Lugo), no quilómetro 111 do Camiño de Santiago Francés, que inclúe un conxunto escultórico- e coa do presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, que o clausurou. Entre os asistentes achábase o coordinador das Xornadas, o arquitecto Domingo de Famara e dous dos relatores que intervirán mañá, o presidente de Demócratas Abroad Spain, Gil Carbajal, e Rebekah Scott.

Ónega, como anfitrión do acto, deu a benvida aos asistentes e participantes, esbozou o contido das Xornadas e presentou a Romay, a Carretero e a Oreja Aguirre, de quen lembrou, entre outras cousas, que ten a categoría de embaixador de España, é doutor en Dereito e foi ministro de Asuntos Exteriores, senador, deputado, secretario xeral do Consello de Europa, parlamentario europeo e profesor titular da Cátedra Jean Monnet de Institucións Europeas na Universidade Complutense de Madrid, así como que é o presidente de honra da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas. Na empresa privada foi presidente de FCC, conselleiro de Acerinox e Repsol e actual membro do Consello Asesor de Caixa Bank.

Oreja subliñou a súa condición de fillo adoptivo de Santiago, algo que, dixo, leva "con verdadeiro orgullo", falou da súa vinculación persoal co Camiño de Santiago desde o ano 1955 e, especialmente, explicou como durante a súa estancia como secretario xeral no Consello de Europa nomeouse ao Camiño de Santiago "Primeiro itinerario cultural europeo" nun momento no que, resaltou, "había moito proxectos en curso".

Carretero centrou a súa intervención na explicación do espazo urbano Rúa do Peregrino, un espazo creado entre os anos 1993 e 1996, que foi inaugurado polo entón presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga Iribarne, e é "unha das obras máis destacadas de incorporación das artes nos espazos públicos realizadas, cun estudo previo, e soporte doutras disciplinas como arquitectura, enxeñería e urbanismo". No acto proxectouse un vídeo da inauguración dese espazo monumental por parte de Manuel Fraga.

Romay Beccaría felicitou aos intervenientes e á iniciativa de Oreja que cualificou ao Camiño de Santiago como "Primeiro itinerario cultural europeo", á que, xunto ao empeño de Manuel Fraga, atribuíu en gran parte a actual recuperación do Camiño. Un renacemento no que tamén viu "certo milagre, nun momento no que a práctica relixiosa é cada vez menor".

As Xornadas continúan mañá, 27 de outubro, día no que se desenvolverán o resto de relatorios. Pola mañá terán lugar os relatorios do profesor de investigación emérito do CSIC e asesor da Unidade de Investigación en Cultura Científica do CIEMAT Emilio Muñoz Ruiz, "Ética e valores no espazo público: un desafío evolutivo baseado na responsabilidade"; do párroco da Real Igrexa de Santiago Apóstolo e San Juan Bautista, Carlos R. Cano Alonso, "O amor e a transformación interior no Camiño de Santiago"; e do presidente de Demócratas Abroad Spain, Gil Carbajal, "Demócratas americanos e o Camiño de Santiago". Carbajal contará no seu relatorio coa intervención de Rebekah Scott, estadounidense que rexenta un albergue de peregrinos en Palencia, quen falará do incremento de peregrinos de EE UU. nos últimos anos.

Pola tarde intervirán o director da Casa do Brasil, Colexio Maior Universitario, Cássio Roberto de Almeida Romano, co relatorio "Palabras de Irmandade dun peregrino brasileiro"; o doutor en Historia da arte e profesor de Investigación do CSIC Wifredo Rincón García, co relatorio "Sarria. Un fito no Camiño de Santiago", e a propia María Carretero, que intervirá co relatorio "Raíces de pedra e bronce na Rúa do Peregrino".

A artista María Carretero traballa nos seus estudos de Madrid, Galicia e Lanzarote. Xa na súa infancia, en Galicia e Madrid, espertou a súa vocación artística pola contorna, interesándose polo debuxo, a pintura, a escultura, a música, a arquitectura e a paisaxe natural. Estudou música no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, (1975-1979) e arte en Colonia -Alemaña-, ampliando os seus estudos en Londres, París, Roma, e Estados Unidos (1980-1985). No seu defensa do espazo público, para desenvolver as súas obras, colaborou e coñeceu a grandes arquitectos. Despois de realizar un estudo pormenorizado da contorna, a través da escultura e desde a construción do baleiro, utiliza os soportes doutras disciplinas como a enxeñería, arquitectura, urbanismo, pintura, debuxo, poesía, filosofía, humanidades, e música entre outras, para realizar os seus traballos, recoñecidos nacional e internacionalmente. As súas obras están representadas en museos e coleccións privadas e públicas de todo o mundo. Destaca a súa colección de xoiería, pinturas e murais. Ao longo da súa traxectoria, numerosos medios de comunicación nacionais e internacionais, escritos e audiovisuais, difundiron o seu traballo en espazos públicos.

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes