Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama) nomea Asociado de Honra a José Ramón Ónega

O delegado da Xunta de Galicia en Madrid recibiu unha homenaxe á que se sumaron todas as organizacións galegas en Madrid
Madrid, 15 de abril de 2015.

A Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama) nomeou Asociado de Honra a José Ramón Ónega, delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, no transcurso dun xantar na súa honra que tivo lugar nun coñecido hotel madrileño. Á concorrida homenaxe, que congregou máis dun centenar de persoas, sumáronse todas as organizacións profesionais e culturais galegas en Madrid. Entre os numerosos asistentes ao acto achábanse o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, e a directora xeneral de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Xunta de Galicia, Blanca García Señoráns Álvarez, que acudiu en representación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen tamén envío unha carta de felicitación ao homenaxeado.

Ónega recibiu a distinción de mans do presidente de Aegama, Julio Lage, quen previamente se referira a el facendo unha pequena recensión biográfica e identificándoo como "un íntimo colaborador de Aegama e do resto de asociacións galegas de Madrid, amigo de todo o galego e de todos os galegos, humanista, culto e xeneroso". Tamén resaltou que dende a Casa de Galicia "está a levar a cabo un importante labor de apoio á cultura, á arte e ao coñecemento".

Tras a intervención de Lage, a secretaria de Aegama leu a acta pola que se lle concedía o nomeamento e o presidente da Asociación entregou a Ónega unha vieira de prata, representativa do nomeamento.

Ónega agradeceu aos presentes a mostra de amizade e afecto que lle brindaban, afirmou que os galegos se caracterizan "por un sentido solidario da amizade e unha vocación permanente na defensa dos valores que a amizade confire". Recordou que na actualidade os galegos están nas máis altas maxistraturas da nación e cobren postos de gran significación en todos os estamentos e campos". "Estamos na vangarda do éxito", afirmou citando como exemplo a, entre outros, Mariano Rajoy, Ana Pastor, Alberto Núñez Feijóo, o cardeal Rouco Varela, o doutor Cabanela, os xornalistas Bieito Rubido, Fernando Ónega e Piar Cernuda, os banqueiros Ángel Ron e Francisco González, e os políticos José Manuel Romay Beccaría e Leopoldo e Víctor Calvo Sotelo. Dos empresarios galegos afirmou que "a súa casta é o traballo e o esforzo, a súa categoría é o valor e o sacrificio".

O delegado da Xunta de Galicia en Madrid afirmou que dende que ocupa este cargo a súa principal preocupación é "atender e tramitar as peticións derivadas dos galegos de Madrid. "Espero seguir sendo útil e na medida das miñas posibilidades contade comigo e cos funcionarios da Casa", ofreceu. Tamén evocou as súas etapas como gobernador civil en Zamora e Biscaia, onde viviu "o drama terrible do terrorismo".

José Ramón Ónega López naceu en Mosteiro-Pol (Lugo). É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago. Desempeñou, entre outros, os cargos de gobernador Civil de Zamora e Biscaia e director xeral de Política Interior. Na actualidade, é delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia. É colaborador de prensa, autor de varios libros, entre os que destaca "Os Xudeus no Reino de Galicia", e está en posesión de distincións como a Orde do Mérito Civil e a Cruz de Prata da Orde Militar da Garda Civil.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes