Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Eladio Rodríguez presenta en la Casa de Galicia en Madrid a súa primera novela, "Gandarón ou o gran falo megalítico de Pena Corneira"

Unha obra que, segundo o tamén viticultor ourensán, "profunda no ser e sentir ribeirán e galego"
Madrid, 20 de xuño de 2016.

Eladio Rodríguez, viticultor, adegueiro ourensán (de Beade, en terras do Ribeiro do Avia) e agora tamén escritor, presentou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a súa primeira novela, "Gandarón ou o gran falo megalítico de Pena Corneira", unha voluminosa obra escrita en galego que, a dicir do autor, "profunda no cerne do ser e sentir ribeirán e galego" e foi editada por Ir Indo.

Na presentación interviñeron, ademais do autor, o editor, Bieito Ledo, o presidente do Consello Editorial de Galicia Press e editor e director da revista "Vinos y Caminos", Antón Alonso, o xornalista e escritor Vicente Araguas e o coordinador de Actividades Culturais da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen o fixo en representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega.

Jiménez observou que o libro "conta cun prologuista de excepción, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, quen como non sabe se chamar novela a este larguísimo relato, acaba por definilo no seu discurso narrativo de introdución como ´tratado novelesco´".

Para Ledo esta novela trata de responder, no ámbito galego, ás preguntas universais de quen somos, de onde vimos e onde imos, pois se remontan a 2.300 anos atrás cando "os romanos invaden Galicia buscando o bo viño de ribeiro, porque é na súa zona onde se sitúa a novela". "É un libro que achega algo. Os galegos somos un colectivo orixinal, a nosa maneira de vivir, a xeografía e a lingua fíxonos diferentes", aprecia, mantendo que "a dúbida é un grao superior ao pensamento" e que os galegos se achan "permanentemente nunha encrucillada".

Alonso, que coñeceu a obra a medida que se fraguaba, afirma que "´Gandarón ou o gran falo megalítico de Pena Corneira´, polo interese que hoxe esperta o celtismo, abre un filón na narrativa de creación galega, contribuíndo á creación dun imaxinario colectivo que a sociedade demanda, aínda que a ciencia non poida acreditar". "Estamos ante un libro sorprendente, cheo de imaxinación. Entre o realismo máxico e o surrealismo. Unha narración que rompe co tempo e co espazo, saltando etapas históricas e trasladando no tempo dun lado para outro a personaxes actuais", mantivo, engadindo que está narrado "cun galego resonante, excelente, cheo de voces evocadoras dun pasado xa perdido".

Araguas defendeu que "Gandarón", "é unha novela ´total´. Debedora da linguaxe do cómic, inevitable a referencia a Astérix, dos libros de cabalerías, do realismo máxico. Un libro escrito nun galego riquísimo, dotado do don da excelencia. Un libro que apunta moi alto, desde as viñas do Ribeiro, nas que o autor é viticultor, con música incorporada, a que celebra o fin de festa, a que vai puntuando os diferentes lances. Unha novela espléndida que se le nun airiño".

Finalmente, Rodríguez explicou que a novela está chea de voces e personaxes enmarcados nun mundo pseudoimaginario. Nel, os xefes dos castros e personaxes da mitoloxía galega, como os semidioses Gandarón e Martiño e o druída Testempo, tentan opoñerse aos desexos dos invasores romanos de destrución da cultura milenaria que se desenvolve nas terras do Avia, na contorna do destacado monumento natural de Pena Corneira. Da fascinación do autor por este monumento, rodeado de mitoloxía e viticultura, que é considerado un deus no relato, xorde esta obra de Eladio Rodríguez. "O que fago é novelar como naceu o viño do ribeiro", apuntou.

 

 

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes