A Casa de Galicia acolleu hoxe a presentación da novela "La jueza y el tendero", do coruñés afincado en Lugo Manuel Eduardo López

Un relato sobre política e corrupción que ten como escenario a cidade de Lugo
Madrid, 9 de febreiro de 2017.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación da novela "La jueza y el tendero", do coruñés afincado en Lugo Manuel Eduardo López, editado por Piediciones. Un relato que se desenvolve en Lugo, "sobre política e corrupción, sobre ambición e loita de poder, sobre a realidade mesma" coa particularidade de que o lector vivirá a historia "desde dentro", "palpará a normalidade da vida do protagonista, sentirá a súa angustia e temerá os tentáculos da xustiza", adelanta la editorial.

Ademais do autor, arquitecto e urbanista dependente do Consistorio de Lugo, testemuña privilexiada do ascenso e a caída do "ladrillo", na presentación da novela interviñeron a escritora e editora Puri Sánchez, que o fixo en representación da editorial, o xornalista Fernando Ónega, o artesán e político José Palacio Cantos, o fotógrafo e guionista de cinema Sergio Véliz del Carpio, o enxeñeiro informático, editor e escritor Iñaki Hernán Jerez e o delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega López.

José Ramón Ónega afirmou que a novela de Manuel Eduardo López "é unha narración magnífica do que hoxe parece unha constante en moitos estadios da sociedade: a corrupción", "un relato vibrante, certeiro, do que hoxe parece unha realidade que castiga á sociedade". "É unha novela vibrante, actual, chea de acertos narrativos que describe comportamentos sociais reais" e "a actualidade do seu argumento descóbrese todos os días nos xornais e medios de comunicación", valorou, engadindo que "está ben escrita, relata un problema social evidente e denuncia un panorama que hoxe e sempre castiga aos homes".

Tras a presentación do autor e da novela por parte de Puri Sánchez, Manuel Eduardo López e o resto de intervenientes na presentación debateron sobre a temática argumental da obra, a corrupción e a política. Fernando Ónega falou do papel dos medios de comunicación e da importancia de facer chegar unha correcta información á opinión pública, valorou que o autor "é un gran observador, meticuloso na descrición de escenas e situacións e é moi realista" e apreciou na novela unha "obra moi xornalística porque trata de feitos de máxima actualidade".

Hernán opinou en relación á literatura como medio expositivo dos feitos e crónica social e histórica, Palacio Cantos abordou a temática desde a visión do cidadán do montón sobre como se desenvolven os feitos na novela e o seu paralelismo coa realidade e Véliz deu a súa particular visión como membro máis novo do faladoiro sobre a perda da confianza nas clases políticas.

Pola súa banda o autor falou do protagonista da novela, co que comparte nome, cidade de residencia e profesión, precisando que aínda que poida parecelo non se trata dun relato autobiográfico e sobre todo que "non quero ser este señor". Expuxo como o protagonista reflexiona sobre a temática e como a sufriu, ás veces desde feitos distorsionados, poñendo o acento no factor humano.

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes