Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A escritora coruñesa Carlota Lama presenta na Casa de Galicia en Madrid a súa terceira novela publicada, "Los nombres de la tía Lita"

Inspirada nunha tía súa e editada por Nova Casa Editorial
Madrid, 7 de xuño de 2016.

A escritora coruñesa afincada en Madrid Carlota Lama, licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela, presentou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a súa terceira novela publicada -en realidade a primeira que escribiu, inspirándose na súa tía Lita-, "Los nombres de la tía Lita". Foi editada por Nova Casa Editorial e no acto de presentación participaron, ademais da autora, a xornalista Lola Cintado, o avogado José Manuel Burgos, a tamén autora da mesma editorial Paula de Vera, que interveu sobre os traballos de ambas as escritoras, e o coordinador de Actividades Culturais da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen o fixo en representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega.

Jiménez lembrou que a autora xa presentou na Casa a súa anterior novela, "El encuentro de las augas", en febreiro de 2013, e valorou que esta nova presentación demostra "unha actividade literaria continuada que é a mellor proba por escrito que pode atoparse" de que Lama "dedícase na actualidade por completo á Literatura". "Son os traballos sostidos no tempo os que mellor avalan a seriedade da súa natureza e no caso dos literarios os que nos permiten dicir que estamos ante un verdadeiro escritor", apreciou.

Nun diálogo con Cintado, Lama dió referencias da vida e personalidade da persoa que inspirou a novela e de a ficción que esta contén. Tamén Burgos referiuse aos seus recordos da tía Fita, á que Lama cambiou un dos seus moitos nomes polo de Lita.

A protagonista da novela, Lita, vive nela "nunha profunda contradición provocada pola sociedade na que nace e os terribles acontecementos históricos que afectan directamente á súa vida e que non logra entender". Nada na Coruña, Lita ha de atopar o mundo no que desexa vivir dentro dunha época especialmente convulsa da historia de España. "A realidade e a ficción entrelázanse nun todo inseparable polo que discorren personaxes reais como Franco e os membros da súa familia, ou o famoso hostaleiro Perico Chicote, e as viaxes de Lita ao longo e ancho da España da posguerra, desde a súa Galicia natal ata Ceuta e o norte de África, móstranlle un país roto polas desavinzas de persoas que non souberon ou non quixeron entenderse a tempo".

Respecto ao argumento, Lama explicou que a editorial cualificou a obra como novela histórica, "polos momentos históricos que a protagonista viviu moi de preto", e para os que se documentou, entre outras fontes, no Arquivo Militar Nacional.

Antes de "Loss nombrees de la tía Lita", Carlota Lama publicou outras dúas novelas, "El encuentro de las aguas", que recibiu o premio "Isla de las letras" á mellor novela urbana do ano da editorial Atlantis, e "Sin nada", unha narración situada no Camiño de Santiago. Tamén dous relatos breves, "Indignidad", publicado dentro do monográfico "Golpe a la corrupción", e "Papa", dentro da antoloxía "Golpe á violencia de xénero", nos que participa con outros autores.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes