"Todos tenemos un muerto" de Javier Neira Pampín, presentouse esta tarde na Delegación da Xunta en Madrid

A novela é a terceira do médico e escritor santiagués afincado en Lugo e contén todos os ingredientes do xénero policíaco, co seu toque de humor persoal
Madrid, 15 de novembro de 2018

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación de "Todos tenemos un muerto", terceira novela do médico santiagués afincado en en Lugo, Francisco Javier Neira Pampín, editada por Galicia Dixital, escrita cunha prosa áxil, con todos os ingredientes do xénero policíaco e na que non falta o seu toque de humor persoal. O inspector Baena, con problemas de alcol e drogas tras o abandono da súa muller e a súa filla, debe pescudar que e quen está detrás do asasinato de Julián, o seu compañeiro de traballo.

No acto interviñeron, o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega; o xornalista e editor Xulio Xiz; o xornalista Francisco Rivera Cela, así como o propio autor, Javier Neira Pampín.

Para Ónega, "Todos tenemos un muerto é unha novela que subxuga ao lector, mantén a tensión e atrápao ata o final", e citando a Alcott sinalou que "un bo libro é aquel que se abre con expectación e péchase con proveito, como é este caso", dixo.

Para Xulio Xiz, esta novela "ten todos os ingredientes que un caldo –literario- necesita para cheirar ben, saber ben, sentar ben: amores excesivos ou proporcionados, desamores incomprensibles ou cabais… sexo maduro ou incipiente, repousado ou urxente, nunha ou outra dirección… droga, e diñeiro, e poder. E inocentes que reciben recompensa pola inocencia devota, e protección para os que non a teñen; e asasinos en potencia que resultan non ser capaces de facer o menor dano no momento máis apurado". E tamén quixo destacar o que sentiu e pensou tras a súa lectura: "Deixoume unha sensación de equilibrio, de evolución harmoniosa, de complexa trama que se vai desenvolvendo ata un punto final no que os que delinquen non poden triunfar, e os que loitan pola vida teñen todas as de gañar, porque as forzas que os rodean –as da Lei, as da vinganza, as do amor…– concítanse todas no seu favor". Especial mención fixo Xiz do humor que "asoma tímida ou ruidosamente en todas as súas páxinas, permitíndonos comprobar que o humor –como o amor– non lle senta mal a ninguén, aínda nas peores situacións posibles".

Paco Rivera expuxo a súa intervención como unha entrevista ao autor, formato no que é un indiscutible mestre. Coas preguntas curtas e concisas de Rivera e as respostas amenas e sinceras de F. J. Neira, ambos achegaron os datos fundamentais sobre a novela, o proceso creativo, a inspiración ou a arte de escribir, que segue compaxinando co pasar consulta cada tarde aos moitos pacientes que ven nel a un médico entregado e próximo. "Para min, escribir é unha forma de atopar paz e tranquilidade", dixo o autor, "escribo por cadencia, porque me gusta e reláxame, como unha expresión da alma, e por suposto sen ánimo de vender pois sempre o fixen para min, e o de editalo veu despois, porque me deixei levar". Paco Rivera, que é "moi lido en novela negra", xa sexa nórdica, francesa, americana ou española, opina que "é un libro moi entretido" e polas súas características veo "ideal para unha serie de televisión", algo que o autor considera esaxerado e produto da amizade.

Neira, cada mañá na súa rutina diaria inclúe longos paseos á beira do Miño, en cuxa ribeira está a súa casa. Ademais de escribir, pinta e tamén compón, "non porque o faga ben senón porque para min é moi gratificante". De feito, antes de empezar a presentación, e dado que é moi detallista, para amenizar a espera e logo o tempo para asinar, suxeriu que se reproducisen de fondo algunhas das súas pezas, "que soan ben porque teño un amigo que me orienta e faime indicacións para os arranxos", opina, quitándolle importancia ao seu. Aínda que a el non lle gusta a expresión, quenes o coñecen coinciden en que é un home do renacemento, capaz de exteriorizar as súas emocións a través de diferentes formas de expresión. De momento, e cando xa está a piques de terminar a súa cuarta novela, a súa humildade lévalle aínda a dubidar da súa capacidade creativa. Considera que Todos tenemos un muerto é, "unha novela intranscendente, para pasar un intre divertido, pero que non se penetra nos aspectos psicolóxicos dos personaxes", algo que sí incorpora na que está a traballar.

"Nesta mesma sala presentamos as súas dúas novelas anteriores El quijote de madera e El sabor amargo de la fruta madura", dixo Ónega para terminar. "Esperamos impacientes a cuarta e sentiriámonos moi honrados en que tamén a presentase aquí".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes