A delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta mañá a presentación do programa de "Arde Lucus, MMXVII" que se celebrará os días 30 de xuño, 1 e 2 de xullo

O Concello de Lugo deu a coñecer algunhas das 300 actividades previstas, delas case medio centenar son novas
Madrid, 28 de xuño de 2017

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta mañá a rolda de prensa/presentación de "ARDE LUCUS, MMXVII", festa declarada recentemente de Interese Turístico Nacional e que se celebrará na cidade de Lugo os días 30 de xuño, 1 e 2 de xullo, con máis de 300 actividades, delas preto de medio centenar son novas.

O acto comezou coa proxección dun audiovisual con impactantes imaxes de edicións anteriores nas que puideron verse desde a loita, ao máis puro estilo romano, o ambiente das rúas, a altísima participación na que se implica toda a cidade e os visitantes que se funden como uns veciños máis, coa roupa do momento.

Na presentación interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega e a concelleira de Cultura, Turismo, Mocidade e Promoción da  Lingua, Carmen Basadre.

 "Lugo non é unha cidade, é un tesouro do tempo, da arte e da Historia. Lugo é un milagre", dixo Ónega tras as súas palabras de benvida e engadiu que Lugo ten unha muralla monumental porque "tivo sempre algo que gardar, que defender e que ofrecer". Lembrou ademais a Álvaro Cunqueiro que "gustaba de instalarse nas portas da muralla para contemplar a entrada, a chegada, da veciñanza á cidade".

Tamén agradeceu a Carmen Basadre, a súa presenza un ano máis, "por traernos un sopro de vida e de morriña" por traernos a Lugo, o encanto, o recordo emocionado, a vida mesma".

Pola súa banda, Basadre, tras os agradecementos, destacou que a súa presenza en Madrid obedece ao interese de "convidar os madrileños a revivir a historia de Lvcvs Avgvsti este fin de semana, e recrutar romanos e castrexos en Madrid para esta edición que estrea o distintivo de Festa de Interese Turístico Nacional".

No transcurso da presentación, a edil exhibiu as potencialidades do Arde Lucus, que este ano celebrará unhas 300 actividades, organizadas entre o Concello e as 18 asociacións de recreación histórica da cidade, dirixidas a todos os públicos. Delas máis de 40 son novas con respecto a outros anos. Entre as novas está unha carreira nocturna polo adarve da Muralla, que vai ser participativa, ambientada con fachos, o venres a partir das 22:00 horas;  ou o torneo de Harpastum, un deporte entre o fútbol e o rugby, tamén o venres ás 23:00 horas, na chaira do Pavillón Municipal. Estas súmanse ás xa tradicionais e que contan con gran  éxito, como o Circo Romano, representacións teatrais e música polas rúas, e o desfile das tropas romanas e tribos castrexas pola Rolda da Muralla, no que nesta edición participan 44 asociacións, tanto de Lugo, como do resto de Galicia, España e outros países europeos.

Basadre destacou o alcance social, turístico e económico de "Arde Lvcvs", que supón un gran motor para a cidade cunha altísima ocupación hostaleira, concentrando en Lugo a máis de medio millón de persoas.

Estas festas, que constitúen un escaparate nacional e internacional de Lugo, e a entidade local reparte máis de 45.000 programas, en galego e castelán.

Para animar aos visitantes, tamén se manteñen os descontos, do 25% para os que cheguen nos días previos ao "Arde Lvcvs" a Lugo nos autobuses Alsa, e un 10% para quen use a compañía Arriva.

Máis información en www.ardelucus.com ou www.lugo.gal

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes