Galicia acollerá en xuño o primeiro econtro internacional "Conecta Fiction" do sector televisivo

A presentación, á que acudiron máis de medio centenar de profesionais do sector audiovisual e prensa especializada, foi esta mañá na Casa de Galicia en Madrid
Madrid, 12 de xaneiro de 2017

Galicia será a sede do 21 ao 23 de xuño do encontro internacional Conecta Fiction, primeiro evento dedicado á ficción televisiva que conectará Europa con América Latina e Estados Unidos. A Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o ICEX España Exportación e Investimentos e a Fundación SGAE promoven esta iniciativa, que reunirá na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, os representantes de cadeas de televisión, distribuidoras e produtoras de ambos continentes e que ten previsto, así mesmo, unha serie de actividades abertas ao público.

A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta mañá a presentación de Conecta Fiction ante dun nutrido grupo de profesionais do sector audiovisual e de xornalistas especializados. José Ramón Ónega, delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, recibiu aos participantes neste acto, no que interviñeron Jacobo Sutil, director da Agadic; Julián Izquierdo Zamarriego, director de Industrias Culturais do ICEX; Xosé Luís García Canido, director xeral da Fundación SGAE, e Geraldine Gonard, directora de Conecta Fiction e CEO de Inside Content, empresa responsable da produción do evento.

En palabras do director da Agadic, este encontro internacional de creación, financiamento e coprodución de ficción televisiva conta ao seu favor con dous elementos diferenciais claves: "Por unha banda, está deseñado e pensado para series e miniseries, e por outra, diríxese especificamente a poñer en relación a todo o territorio que abarca Europa, América Latina e o mercado estadounidense de fala hispana", sinalou.

Arxentina, país invitado

Jacobo Sutil subliñou a idoneidade de Galicia como anfitrioa de Conecta Fiction pola súa situación geoestratégica como "espazo de conexión intercontinental", tanto polo seu plano de relación avantaxada con Portugal e o ámbito luso como co continente americano a través de numerosos lazos afectivos e culturais. Nesta primeira edición, Arxentina será o País de Honra, de maneira que se contará coa presenza en Santiago dunha destacada delegación de profesionais e empresas arxentinas baixo a coordinación do seu Instituto Nacional de Cinema e Artes Audiovisuais (INCAA).

O director da Agadic incidiu tamén na aposta clara da Xunta de Galicia por este evento, ao que ademais das entidades promotoras, achegan a súa colaboración a Fundación Cidade da Cultura, a Televisión de Galicia, o Concello de Santiago, o Clúster Audiovisual Galego (Clag), o Master de Produción e Xestión Audiovisual (MPXA) e a Fundación Media Europa.

Auxe do sector televisivo galego

Na súa intervención, destacou igualmente o empuxe actual do sector audiovisual galego, que acolle a rodaxe dunha media anual de entre nove e dez series ou miniseries de televisión, exporta as súas producións a outras cadeas e demostra o talento dos seus profesionais, tanto a nivel interpretativo como técnico, en ficcións de éxito a nivel estatal.

O obxectivo de Conecta Fiction é converterse nunha plataforma audiovisual imprescindible para o talento, o financiamento e a produción televisiva a través dun programa que dará prioridade á presentación e ao estudo de proxectos cara á negociación e o peche de acordos de coprodución.

Con tal fin, o evento articularase a través de sesións de "pitching" de coproducións internacionais, unha axenda de reunións "one to one", conferencias, debates, mesas redondas, clases maxistrais, proxeccións privadas e estreas internacionais. Todas estas actividades buscarán crear o ambiente propicio para que os asistentes fagan contactos, falen, descubran, aprendan e intercambien ideas, á vez que se impulsará o negocio da coprodución entre Europa e América e abriranse novas oportunidades para a industria española de ficción para televisión.

Os ámbitos creativo e empresarial entrarán, pois, en contacto mediante a participación de produtores executivos, directores, guionistas, compositores, investidores, coproductores, executivos de cadeas de televisión e plataformas OTT e distribuidores internacionais, entre outros profesionais.

O 15 de febreiro abrirase o prazo de inscrición dos proxectos de coprodución, así como o proceso de rexistro de participantes a través da web www.conectafiction.com.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes