Presentado na Casa o estudo "Turismo Termal en España" no que destaca Galicia como primeira potencia

Ao acto asistiron máis dun centenar de persoas, especialmente de medios e profesionais do sector
Madrid, 4 de abril de 2016.-

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta mañá a presentación do estudo "Turismo Termal en España" na que interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega; o autor da publicación "Turismo Termal en España", Mario Crecente; o director xeral da Volta a España 2016, Javier Guillén; o director xeral da Escola de Organización Industrial (EOI), Fernando Bayón; e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. O acto contou coa asistencia de máis dun centenar de persoas, especialmente de medios de comunicación e profesionais do sector turístico.

O obxectivo da obra é "potenciar o subsector do turismo termal en España a través da identificación de novas oportunidades de negocio e a configuración dunha oferta turística nova e innovadora que axude a diversificar o sector" e foi posible grazas ao impulso da  Escola de Organización Industrial que apoiou o proxecto de investigación cofinanciado polo Fondo Social Europeo e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

Tras as palabras de benvida, o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa José Ramón Ónega foi dando paso aos diferentes integrantes da mesa. En primeiro lugar fíxoo Fernando Bayón, que aportou un pequeno repaso pola historia do termalismo ata o momento actual. "Antes do turismo de masas, os balnearios eran frecuentados polas clases acomodadas, polas súas augas medicinais, por ser lugares con gran glamour e onde se facilitaban as relacións sociais". Tras unha longa decadencia, nos anos oitenta xorde un novo concepto, o spa, con hoteis reconvertidos e novos balnearios aos que xa pode acceder parte da poboación.

Para o autor, Mario Crecente, que explicou de forma sistemática tanto o contido como o obxectivo da publicación sinalou que é "un documento de reflexión estratéxica para o sector que ten por obxectivo configurar unha oferta turística renovada, sustentable e de calidade, que contribúa á creación de emprego". O Turismo é o primeiro recurso nacional e neste sentido, "Galicia é a comunidade termal de España punteira, tanto polos seus recursos, como polo maior número de vilas termais, balnearios e prazas". No caso de Ourense, é "a capital termal", que ademais conta co manancial coa maior temperatura, (Lobios con 76 graos)".

Para Guillén, o apoio por parte da organización da volta ciclista a España de 2016 a "Ourense Termal-Madrid" que sairá do Balneario de Laias, e poderán ver preto de 400 millóns de persoas, de 190 países, "vai ser moi importante para a consolidación como oferta turística, xa non medicinal senón de balnearios, e para que a xente non só acuda unha vez, senón que repita, como o anuncio das natillas".

Para Baltar, o programa Ourense Termal, que conta co apoio da Xunta, é "unha palanca para o desenvolvemento provincial, con Ourense como capital da euro-rexión Galicia Norte de Portugal, unha aposta que xa está a dar os seus froitos como o proba o cento por cento de ocupación en Semana Santa". Feiras como Termatalia apuntan na mesma dirección.

O termalismo estivo presente en España desde tempos inmemoriais, achegando un importante legado á historia do medicamento, o patrimonio e a industria turística do país. Agora, a crecente preocupación polo coidado da saúde e o benestar ocasionou a segmentación e a diversificación da oferta termal, o que se traduce nun incremento dos produtos e servizos e na incorporación de novas opcións, como a talasoterapia, os aloxamentos singulares con spa, o termalismo lúdico, cultura, familiar, corporativo de empresas... Na actualidade, o turismo termal é unha oportunidade para crear emprego e abrir novas vías de negocio.

O estudo íntegro pode descargarse de maneira gratuíta na web de EOI: a.eoi.es/turismotermal

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes