A Casa acolleu a presentación do libro "Cartas de buena amistad. Epistolario de Emilia Pardo Bazán a Blanca de los Ríos (1893-1919)", de Ana Mª Freire e Dolores Thion-Soriano

O acto estivo presidido por José Manuel Romay, presidente do Consello de Estado
Madrid, 12 de septiembre de 2016

 A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación do libro "Cartas de buena amistad. Epistolario de Emilia Pardo Bazán a Blanca de los Ríos (1893-1919)", de Ana Mª Freire López e Dolores Thion-Soriano Mollá, publicado por Iberoamericana Editorial Vervuert. No acto, que estivo presidido por José Manuel Romay Beccaría, presidente do Consello de Estado, interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López; o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, José Manuel González Herrán e as autoras, a catedrática de Literatura Española da Universidade Nacional de Educación a Distancia (Madrid), Ana Mª Freire López; e a catedrática de Literatura Española da Université de Pau, Dolores Thion-Soriano Mollá.

José Ramón Ónega, tras as presentacións, explicou que se trata "dunha obra importante, que ten detrás un gran traballo de documentación e investigación; un epistolario que abarca desde 1893 ata 1919 e recolle os 27 anos de amizade ininterrompida entre Emilia Pardo Bazán e Blanca de los Ríos, con 84 documentos, entre cartas, billetes e cartóns, datados en lugares galegos tan emblemáticos como Meirás (Sada), A Coruña, ou os balnearios de Mondariz e A Toxa".

O profesor González Herrán, sinalou que "poucos epistolarios coñezo tan ben tratados como este" e ademais preguntouse que "onde están, a día de hoxe, se é que están nalgún sitio, os centenares de cartas que Emilia Pardo Bazán recibiu e conservou, ao longo da súa vida". Das que si se conservaron, "en lugar moi preferente", están as dirixidas á súa amiga Blanca de los Ríos que agora podemos ler en "esta espléndida edición".

Para Ana Mª Freire, "É a correspondencia máis numerosa entre dúas mulleres conservada en España ata o momento" e a importancia deste epistolario non reside unicamente na cantidade senón no seu contido, xa que os textos mostran "as confidencias persoais e profesionais, os proxectos literarios e teatrais, as inquietudes familiares e sociais que as dúas escritoras compartiron ao longo de tantos anos de boa amizade". E engadiu que "unha edición académica de tales textos non podía limitarse á súa mera transcrición, e así, o rigoroso estudo preliminar, no que ademais da creación literaria de ambas escritoras e das súas aspiracións para ingresar no Ateneo de Madrid abórdase a historia da construción do Pazo de Meirás a través desta correspondencia, ocupa un terzo do total de volume, e as cartas van acompañadas de documentadas notas relativas ao seu contido e aos numerosos personaxes que se mencionan nelas". Ademais, o volume inclúe múltiples imaxes relacionadas co contido das cartas.

Para Dolores Thion, "A importancia das cartas é que desvelan moitas confidencias. Por exemplo sobre as dificultades que tiveron para entrar nos círculos culturais e poder ser recoñecidas como mulleres intelectuais". E datos pouco coñecidos como un proxecto de extensión universitaria que  desenvolveu D.ª Emilia para crear en Galicia un Ateneo, en colaboración coa Sociedade de Artesáns da Coruña.

Pola súa banda, Romay Beccaría, pechou o acto coa súa intervención na que, tras destacar o "fantástico traballo de Ana e Dolores que me fixeron pasar unha tarde marabillosa" comparounas coa propia dona Emilia polo "arduo labor realizado". Ademais "souberon transmitilo e contaxiarnos do seu entusiasmo", e animounas a seguir o camiño emprendido con outras obras.

ANA MARÍA FREIRE LÓPEZ é catedrática de Literatura Española na Universidade  Nacional de Educación a distancia, na que foi vicedecana da facultade de Filoloxía. As súas investigacións, que desenvolveu en España e en Estados Unidos, centrouse con preferencia na literatura dos séculos XVIII, XIX e XX, en particular a obra de Emilia Pardo Bazán, sobre a que dirixe o portal da biblioteca virtual Miguel de Cervantes. Entre as súas liñas de investigación atópanse as relacións entre literatura e prensa periódica. É membro da xunta directiva do Centro Internacional de Estudos sobre Romanticismo Hispánico "Ermanno Caldera" e en 2009 publicou a monografía "El Teatro Español entre la Ilustración y el Romanticismo". Traballou en sucesivos proxectos de investigación financiados e accións integradas, e actualmente é IP do proxecto "La Literatura Española en Europa, 1850-1914".

DOLORES THION-SORIANO MOLLÁ é catedrática de Literatura Española da Universidade de Pau. O seu labor investigador centrouse sobre todo na literatura, nos epistolarios e na prensa dos séculos XIX e XX. Dedicou a Emilia Pardo Bazán numerosos estudos sobre a súa correspondencia con escritores e intelectuais españois ou afincados en Francia, así como a súa novela e o seu teatro. É membro do grupo de investigación 2010-2014, Edición crítica e estudo da obra de Emilia Pardo Bazán, Ministerio de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, España, I+D dirixido polo profesor J. M. González Serrano da Universidade de Santiago de Compostela.

JOSÉ MANUEL GONZÁLEZ HERRÁN é catedrático de literatura española da Universidade de Santiago de Compostela. Dedicado á Literatura Española dos séculos XVIII, XIX e XX, estudou e editou a obra de Pereda e de Pardo Bazán. E, tamén publicou sobre Moratín, Larra, Gil Carrasco, Rosalía de Castro, Clarín, Palacio Valdés, Pérez Galdós, Menéndez Pelayo, Blasco Ibáñez, Valle-Inclán, Rubia Barcia, Hierro, Hidalgo e Muñoz Molina.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes