A Casa acolleu esta tarde a presentación do libro "Reino Swevo (suevo) en Gallaecia", de Santiago Lorenzo Sueiro

Os suevos reinaron entre os anos 409 e 586, e os historiadores pasan por encima desta monarquía a pesar de ser a primeira cristiá de Europa e do Mundo
Madrid, 13 de xuño de 2016.-

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación do libro "REINO SWEVO (SUEVO) EN GALLAECIA. Sus mitos, leyendas e historias" do escritor e comunicador de Compostela, afincado en Barcelona, Santiago Lorenzo Sueiro. Os suevos reinaron nos séculos V e VI de nosa era, entre os anos 409 e 586. É unha etapa sobre a que os historiadores pasan por encima e que o autor destaca especialmente "por ser esta monarquía a primeira cristiá de Europa e do Mundo". O Presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría presidiu o acto, que presentou o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, e no que interviñeron, ademais do autor, o xurista e escritor Enrique Santín Díaz, e o presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (AEGAMA), Julio Lage González.

Para Ónega, este libro "é importante e vén cubrir unha parte pouco coñecida da nosa historia", o que fixo que evocase a súa experiencia persoal co seu libro "Los judíos en Galicia" que veu encher un burato que existía ata ese momento e sentou as bases para seguir investigando. "Son traballos que requiren moitas horas de procura, indagación, estudo e documentación", dixo.

Para Julio Lage González, presidente de AEGAMA e presentador do autor, "Santiago Lorenzo Sueiro, ademais de cursar Maxisterio e Exactas (Matemáticas), a súa ampla traxectoria profesional ligada ao mundo empresarial, convérteno en exemplo de persoa feita a si mesma, algo moi propio da nosa terra, e que agora, que xa dispón de tempo, pode por fin escribir e investigar sobre o que lle gusta, como o proba este libro".

Para  Enrique Santín Díaz esta publicación, "nas súas máis de 350 páxinas, representa un esforzo meritorio do autor que trata de penetrar no pasado co fin de relatar as intrigas, envexas, maleficencias, ritos, lendas  e boas obras dos 25 reis suevos que gobernaron Galicia, durante case dous séculos. Desde Ermenerico I (o fundador) ata Malarico (o mártir), así como as múltiples relixións polas que pasaron estes reinados, idolatría, cristianismo, priscilianismo, arrianismo, heliolatría e outras". Outro dato curioso que aportou Santín é que "os monarcas suevos foron os primeiros reis xermánicos en acuñar moeda no seu nome e que, desde principios do século VIII, Santiago, Faro de occidente, converteuse, co descubrimento do sepulcro do Apóstolo, no principal baluarte do cristianismo contra o Islam". Como resumo señalou que "A Gallaecia sueva levantouse sobre as ruínas da dominación romana e formárona os tres conventos: lucensis, bracarensis e asturicensis que comprendían Galicia, parte de Portugal, parte de León e parte de Asturias. Portugal formaríase como reino independente do reino de Galicia, en 1139".

Pola súa banda o autor, Santiago Lorenzo Sueiro, sinalou que "para nós a dominación sueva é a liña divisoria que separa os dous grandes períodos da historia desta parte da Gallaecia (Galicia). Ata a dominación sueva todo é progreso material, semellante ao desenvolvemento físico da persoa. Despois da dominación sueva, iníciase unha etapa de dignidade persoal, máis humanitaria e máis social; todo é progreso, altamente luminoso, semellante ao desenvolvemento intelectual da criatura xa formada, que tende a identificarse cos seus semellantes". E engadiu que "sen a irrupción dos suevos, a España lexislativa non houbera nacido en Galicia". E que "sen a irrupción dos suevos, a España executiva tampouco". Debemos, pois, á significación sueva "a xustiza e a dignidade, é dicir, todo o que pode haber máis grande para un pobo, mirado polo prisma da civilización moderna".

Pechou o acto o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay sinalando que "é un pracer compartir esta mesa porque a Casa de Galicia sempre conta con persoas de máximo nivel" e fixo un repaso por algunhas das presentes, por exemplo José Ramón Ónega, Enrique Santín, Carlos de Blas e Julio Lage.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes