A Casa acolleu a presentación de "Xantar Contigo", unha oferta de dieta atlántica equilibrada e nutritiva

A empresa compostelá "Airas Catering" ofreceu unha ampla exposición dos seus produtos gastronómicos dirixidos a un público que carece de tempo para cociñar
Madrid, 10 de maio de 2016

A Casa de Galicia, sede da Delegación da Xunta en Madrid acolleu esta tarde a presentación de Xantar contigo da empresa compostelá "AIRAS CATERING", un programa gastronómico, nutritivo e equilibrado, da dieta Atlántica, elaborado con produtos galegos de máxima calidade, pensado e deseñado para persoas que non dispoñen de tempo para cociñar ou non se atopan en disposición de poder facelo. Conta con menús formados por máis de 250 pratos que se adaptan a calquera tipo de necesidade alimentaria e nutricional específica.

O obxectivo do acto, cuxa presentación correu a cargo do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, coa intervención do director xeral da empresa Airas Catering, Xabier Freire Chico, foi dar a coñecer Xantar Contigo ante medios e profesionais do sector, e que a súa área de actuación, ata agora só galega, poida ser nacional. Entre os invitados estaban representantes das embaixadas de EEUU, Chile, Canadá, Portugal, Italia, Turquía e Brasil; xerentes de entidades como hospitais, (A Paz ou Fuenlabrada), así como membros da dirección do Consello Nacional de Farmacéuticos. Tamén, dentro do ámbito empresarial, de produtoras de cinema e de espazos de lecer como os mercados gastronómicos (San Antón ou El Huerto de Lucas). Sen esquecer aos medios de comunicación, tanto xeneralistas como especializados, e correspondentes de medios internacionais.

Ónega lembrou nas súas palabras o proverbio que di: "O que ben bebe, ben dorme. Quen ben dorme, pensa ben. Quen pensa ben, ben traballa. E quen traballa ben, debe vivir ben". Ademais, "os galegos temos fama de bos comedores e esa fama é real e quen sendo galegos vivimos en Madrid, procuramos conservar esa fama".

Pola súa banda, Freire Chico explicou que o público obxectivo ao que vai dirixido "Xantar Contigo" é amplísimo. "Os principais demandantes deste servizo son profesionais que apenas dispoñen de tempo para cociñar, persoas que buscan conciliar a vida laboral e familiar, deportistas, singles, comedores de empresa e poboación maior que demanda benestar e autonomía". Tamén destacou que os produtos son "un cachiño de Galicia". Cun receitario que se engloba baixo a denominación de Dieta Atlántica, "a forma de combinar macro e micronutrientes propia das latitudes do noroeste peninsular, que segundo afirman as autoridades sanitarias está considerada, xunto coa mediterránea, como unha forma rica, equilibrada e moi aconsellable de alimentarse".

O aval que apoia este produto en expansión, que desde hoxe quere chegar a calquera punto da Península, é a experiencia adquirida nos últimos cinco anos polos 145 profesionais que compoñen a empresa, que atende as necesidades nutricionais de colectivos tan sensibles como o ciclo de 0 a 3 anos das escolas infantís de Galicia; o dos usuarios da rede pública de centros de día; vivendas comunitarias e fogares residenciais, máis de 4.700 usuarios diarios.

 

Sobre Airas Catering

Fundada en 1993 e con sede social en Santiago de Compostela, desde os seus inicios, estivo centrada na explotación do negocio familiar, pero a finais de 2009 dá un salto importante ao desenvolver unha nova liña de negocio: o catering para colectividades ou eventos. A partir dese momento, e a través de persoal formado e cualificado, comezará a prestar os seus servizos aos comedores escolares galegos.

Desde marzo de 2012, está operativa a súa Cociña Central, situada nas súas instalacións do Polígono Industrial do Tambre, en Santiago de Compostela. Un espazo de 600 m² dotado do equipamento tecnolóxico necesario para as liñas de produción, refrixeración e envasado en atmosfera protectora dos seus produtos, contando cunha capacidade produtiva próxima aos 8.000 menús diarios.

En setembro de 2014, a empresa adquiriu outras instalacións de 3.500 m², situadas no Pavillón 10 do Recinto Feiral de Silleda (Pontevedra), ocupadas exclusivamente pola segunda das súas Cociñas Centrais, onde leva a cabo a produción en liña, con envasado e entrega superior aos 65° C.

Para máis información: www.airascatering.com

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes