"2000 años del Balneario de Lugo: un modelo de activación del patrimonio termal", de J. Mario Crecente e Silvia G. Soutelo

A completísima obra, de case 700 páxinas, presentouse esta mañá na Casa de Galicia en Madrid
Madrid, 21 de decembro de 2016

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta mañá a presentación do libro "2000 años del Balneario de Lugo: un modelo de activación del patrimonio termal", editado polo arquitecto J. Mario Crecente Maseda e a arqueóloga Silvia González Soutelo, baixo o patrocinio do Balneario de Lugo. A obra que conta con case setecentas páxinas e numerosas imaxes tanto antigas como actuais, ofrece un amplo e completísimo estudo realizado sobre o balneario así como varias propostas de valorización do mesmo. No acto interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega; o propietario do Balneario Termas Romanas de Lugo, Antonio Garaloces Paz; e un dos autores, Juan Mario Crecente Maseda.

Ónega, tras as palabras de benvida, sinalou que "Lugo ten tres excelencias: A Muralla, o Balneario e o San Froilán. En Lugo a auga é o elemento predominante, a súa esencia e o seu encanto. Xa os romanos descubrírona para curar con eficacia os seus males e os seus achaques. O Balneario de Lugo é un lugar de placidez e benestar no que parece que o tempo se detén. Fantástico para desconectar, sobre todo coa vida que levamos nas cidades. En relación ao libro comentou que se trata de "unha obra excepcional que quedará como libro de consulta para as xeracións vindeiras, polos textos, as imaxes e a propia historia que é a nosa".

Pola súa banda, Antonio Garaloces Paz falou da súa experiencia persoal e dos máis de 30 anos que leva como director do complexo, "que aúna o termalismo terapéutico co lúdico grazas ás amplas propiedades das augas que manan e cuxa formación os expertos dataron en 15.000 anos". Tamén do que supuxo para el e a súa familia a realización deste libro, presentado "con especial ilusión".

Para Mario Crecente, -Dr. arquitecto. Director de Crecente Asociados Consultores S.L., oficina especializada en arquitectura, patrimonio e turismo, con especial dedicación ao mundo do termalismo-, explicou en nome de Silvia González Soutelo -Dra. en Historia Antiga e Arqueoloxía; e especialista en termalismo antigo. Investigadora Torres Quevedo do MINECO-, "os motivos  que levaron a expor a elaboración deste libro", facendo un breve repaso sobre os diferentes temas tratados (con referencia aos seus autores), as novas achegas que se inclúen neste traballo, vinculadas ao rexistro fotográfico, o deseño de novos planos e de novas interpretacións do complexo termal antigo, a elaboración dunha imaxe 3D con láser scanner do edificio romano, así como unha importante recompilación documental que se pode consultar nos seus anexos.

Crecente destacou ademais "a singularidade desta publicación e a súa relevancia para levar a cabo un modelo de activación do patrimonio termal, a partir das propostas expostas no Plan Director do Balneario", e achegou reflexións persoais vinculadas á experiencia vivida nesta década de traballos sobre este balneario histórico. Tamén fixo referencia igualmente a diversas propostas de dinamización do patrimonio, así como á visión de futuro deste establecemento apoiándose en "a calidade das súas augas e na súa dilatada historia".

Para máis información: arqueologia@crecenteasociados.com

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes