A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación de máis de cen referencias de Augardentes e Licores Tradicionais

Case un centenar de persoas de medios e profesionais de gastronomía asistiron ao acto, que incluíu unha sesión de coctelería en directo, cata comentada e túnel de produtos amparados
Madrid, 8 de maio de 2017

Case un centenar de persoas de medios e profesionais de gastronomía acudiron esta tarde á Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia á presentación dos Augardentes e Licores Tradicionais do Consello Regulador. O acto incluíu unha sesión de coctelería en directo así como unha cata comentada e un Túnel no que se mostraron e ofreceron durante toda a tarde máis dun centenar de etiquetas dos produtos amparados das catro Indicacións Xeográficas (IXs): Augardente de Galicia, Augardente de Herbas de Galicia, Licor de Herbas de Galicia e Licor Café de Galicia. Cabe lembrar que Galicia é a única comunidade autónoma de España que conta cunha Indicación Xeográfica (IX) específica para o augardente, o Orujo de Galicia.

A presentación correu a cargo da Coordinadora de Actividades Económicas da Casa de Galicia, Ana Rodríguez Barrena, quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega; e nela interviñeron o presidente do Consello Regulador, José Antonio Feijóo; a enóloga e encargada da cata, Sonia Otero; e o barman Ángel Camiña, quen ofreceu unha sesión de coctelería utilizando entre os ingredientes os versátiles destilados galegos.

Rodríguez Barrena, tras as palabras de benvida, dixo sentirse "sinceramente halagada por ter a oportunidade de propiciar este encontro entre o Consello Regulador e todos vostedes, entendendo como obrigatorio o apoio da Administración á aposta pola comercialización de produtos de calidade evitando a venda ilegal de produtos non etiquetados, que continúa sendo o gran inimigo a bater".

Pola súa banda, o presidente do Consello Regulador, José Antonio Feijóo, indicou que este acto persegue "promocionar a calidade dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia máis aló das nosas fronteiras. Esta é a primeira ocasión na que desenvolvemos un evento destas características na Casa de Galicia en Madrid e esperamos que sirva como base para futuras colaboracións", afirmou. Feijóo explicou aos asistentes cales son as principais funcións da entidade que preside, así como as catro Indicacións Xeográficas (IX) que engloba. "Só os destilados que levan as contraetiquetas son os que ofrecen garantías de que eses produtos son 100% galegos e de calidade certificada", indicou.

Así mesmo, o presidente do Consello Regulador lembrou aos asistentes a importancia de "consumir destilados debidamente etiquetados e non os mal chamados caseiros. Como o seu propio nome indica, son de casa e non se poden comercializar, xa que non superaron os pertinentes controles sanitarios e poden supoñer un problema para a saúde", sentenciou.

Cata comentada e coctelería

A continuación, a vocal do Consello Regulador e enóloga, Sonia Otero, realizou unha cata comentada de catro Augardentes de Galicia con base de diferente variedade de uva: albariño, godello, mencía e un híbrido da zona do Ulla. A través das súas indicacións, os asistentes puideron distinguir os matices nos distintos augardentes, xa que neles reflíctense as materias primas que se usan para a súa elaboración.

Seguidamente, o barman Ángel Camiña ofreceu unha sesión de coctelería en directo na que elaborou dúas propostas orixinais e propias entre cuxos ingredientes se atopan os Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Para esta ocasión, escolleu os cócteles denominados Bagazo Cítrico e Matcha de Orujo, onde o Augardente de Galicia é unha das achegas crave. Ambas propostas permitiron comprobar a versatilidade dos produtos amparados na coctelería.

A xornada na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid concluíu cun Túnel dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, na Sala B, un espazo expositivo habilitado para ese efecto no que os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer e degustar máis dun centenar de marcas amparadas polas catro Indicacións Xeográficas. A degustación púidose combinar cunha maridaxe cos melindres elaborados polos membros da Asociación de Repostería Tradicional dá Terra de Melide, Melide Terra Doce.

Máis información en: www.orujodegalicia.org

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes