Medios
- 1. Nava Castro, directora de Turismo da Xunta, Marcela Bacigalupo, ministra secretaria de Turismo de Paraguay, e Antonio Rivas, embaixador de Paraguay en España. (3456x4800px., 625 Kb.)
- 2. A mesa, con parte do público que asistiu á Casa de Galicia. (3456x4800px., 486 Kb.)
- 3. O conselleiro de Turismo da CAM, Carlos Chaguaceda, coa directora de Turismo da Xunta, Nava Castro e a ministra secretaria de turismo de Paraguay, Marcela Bacigalupo. (3456x4800px., 945 Kb.)
A Casa acolleu esta mañá a presentación de "Paraguay como destino turístico" coa directora de Turismo da Xunta e a ministra de Turismo do país
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, enxalzou a colaboración "cada vez máis intensa" que existe entre Galicia e Paraguay en canto á promoción turística de ambos os dous países e lembrou que, pese á distancia, os dous países teñen grandes similitudes como, por exemplo, o Camiño de Santiago e a Ruta Xesuítica paraguaia. A directora fixo estas declaracións no transcurso da presentación Paraguay como destino turístico, na que participou a ministra de Turismo de Paraguay, Marcela Bacigalupo.
Durante o acto, que tivo lugar na Casa de Galicia en Madrid, a ministra de Turismo de Paraguay expuxo o atractivo turístico do seu país, facendo especial fincapé na Ruta Xesuítica, para presentarse como destino ante os operadores turísticos da capital española. É a segunda xornada deste tipo celebrada en España, despois de que onte se realizase un primeiro encontro con turoperadores e medios de comunicación en Santiago de Compostela.
Esta cooperación aséntase no convenio asinado entre Galicia e Paraguay na última edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR), na presenza do Secretario Xeral da Organización Mundial do Turismo, Taleb Rifai. A raíz deste acordo, Galicia visitou recentemente Paraguay e puido presentar o Camiño de Santiago e Galicia ante os principais operadores turísticos, o que fixo posible establecer importantes contactos comerciais e institucionais.
Ademais, tal e como lembrou a directora de Turismo de Galicia, grazas ao acordo asinado, ambos destinos traballan conxuntamente para fomentar o intercambio de experiencias e o fluxo de información sobre formación hoteleira e turística. Tamén se están poñendo en marcha, de xeito coordinado, programas de capacitación e formación de estudantes de ambas rexións no sector turismo e a difusión de información sobre eventos culturais que teñen lugar nos dous lugares.
Departamento: Prensa