A Casa de Galicia acolleu esta mañá a presentación en Madrid do "I Congreso Internacional sobre San Martín de Tours" que se celebrará en Ourense do 14 ao 18 con expertos de dez países

Neste ano, declarado Martiniano polo Papa, só tres cidades organizarán un encontro semellante: Tours, Buenos Aires e Ourense
Madrid, 8 de novembro de 2016.

A Casa de Galicia, Delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolleu esta mañá a presentación na capital de España do "I Congreso Internacional sobre San Martín de Tours", que se celebrará en Ourense a próxima semana, do 14 ao 18 de novembro, para conmemorar o 1700 aniversario do patrón da cidade e no que se van a dar cita máis dunha trintena de expertos de dez países. Neste ano, declarado Martiniano polo Papa, só tres cidades organizarán un encontro destas características: Tours, Buenos Aires e Ourense. No acto interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco e os investigadores Jorge López Quiroga, coordinador científico do congreso; e  Artemio Martínez Tejera, secretario científico do congreso.

"Un pobo que celebra o 1700 Aniversario do nacemento dun personaxe da Historia é un pobo digno, sabio e entrañable", dixo José Ramón Ónega tras as palabras de salutación e benvida. "Eu confeso a miña admiración por Ourense, unha cidade e unha provincia bendicidas pola Historia, pola cultura e as raíces do saber antigo. Un pobo que fixo Galicia e que goza de todas as excelencias e virtudes que fan grandes aos pobos e poderosos aos seus habitantes". Engadiu ademais que "este acto que se celebra hoxe na Casa de Galicia, sede da Xunta en Madrid,  ten o aroma da Historia e o encanto dos que nos precederon porque Martín de Tours é a Historia mesma". E citando a Edmund Burke sinalou que "as xentes que nunca se preocupan polos antepasados xamais mirarán cara ás posteridade".

Manuel Baltar, tras os agradecementos, destacou  o traballo de organización e coordinación do congreso que levan a cabo o historiador Jorge López Quiroga, un medievalista referente en Europa, e Artemio Martínez Tejera, secretario científico do congreso. Ademais, "leste é un proxecto de 2015 que agora é realidade. Un evento histórico e cultural que servirá para coñecer aínda máis e poñer en valor a obra e a traxectoria de San Martín de Tours, patrón da nosa cidade". Resaltou o protagonismo que terá a cidade, na que se van a dar cita os mellores especialistas do mundo das universidades máis prestixiosas. Ourense, xunto con Buenos Aires e a cidade francesa de Tours, van ser os tres lugares onde se celebren congresos destas características.

O investigador Jorge López Quiroga falou sobre a interesante vida de San Martín, "figura de integración europea", e como durante o congreso van incluír visitas de estudo a destacados monumentos do patrimonio de Ourense. "En moi poucos quilómetros é posible viaxar por 2000 anos de historia, unha oportunidade que moi poucos lugares poden ofrecer".

O congreso estará estruturado en tres bloques temáticos: a figura do santo; os procesos de evangelización e os mecanismos de conversión; e unha posta ao día das distintas sedes episcopais que conforman o actual territorio da Gallaecia.

Pola súa banda, Artemio Martínez Tejera destacou a gran vantaxe para os científicos de poder contar con algunhas institucións que apoian os proxectos, como sucedeu neste caso coa Deputación e o Bispado. "Grazas a elas pódese facer este Congreso Internacional Científico, no que Ourense vai ter un protagonismo no ámbito nacional e internacional". Contará con recoñecidos especialistas de Estados Unidos, Brasil, Gran Bretaña, Francia, Portugal, Austria e España, que analizarán a figura deste santo e a súa influencia na configuración social, política, relixiosa e territorial da Gallaecia da época sueva.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes