A Casa acolleu a presentación do libro "6 Poemas 6. Homenaxe a Lorca" editado por Biblos coincidindo co centenario da primeira visita a Galicia do universal poeta

O acto contou co presidente do Consello de Estado José Manuel Romay e o delegado da Xunta en Madrid José Ramón Ónega
Madrid, 28 de marzo de 2016.

A obra, coordinada por Suso Díaz e Helena Villar Janeiro inclúe, ademais dos seis poemas que Lorca escribiu en galego, versos realizados ex profeso por 36 poetas galegos así como media ducia de obras doutros tantos autores plásticos, para lembrar a Lorca coincidindo co centenario da súa primeira viaxe a Galicia (sendo un adolescente de 18 anos) e o 80 aniversario da súa morte. O libro tamén rende homenaxe cun acróstico de todos a Anxel Casal, primeiro editor dos poemas en galego de Lorca en 1935. Curiosamente tanto Lorca como Casal compartiron o destino de ser asasinados a mesma noite do 19 de agosto de 1936.

O acto de presentación na Casa de Galicia/Delegación da Xunta en Madrid contou co presidente do Consello de Estado José Manuel Romay Beccaría; o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega; o poeta, escritor e crítico literario, Vicente Araguas; Lorena Rei, poeta participante no libro; e o poeta e coordinador da obra, Suso Díaz.

Nas súas palabras, tras as de benvida, Ónega citando a Óscar Wilde sinalou: ""Paseime o día traballando nas probas dun dos meus poemas. Pola mañá puxen unha coma, e pola tarde, volvína quitar". Non é o caso da poesía de García Lorca, que é universal, inmortal e divina". E tamén lembrou a visita de Lorca á cidade de Romay, Betanzos, en maio de 1932. "Seguro que Lorca contemplou Betanzos con ollos namorados de nostalxia e choiva, como o fixo en Compostela, cantando "Non é ou ar, e a triste lúa/ na Quintana dos mortos".

Para Araguas esta obra "é unha homenaxe imprescindible porque poucas persoas fixeron tanto polo idioma galego como Lorca, que ten difusión en todo o mundo e é referente en todas partes"; e enlazando con isto reivindicouno xunto a Carballo Calero como "dignos de ser distinguidos no Día das Letras. Ao meu parecer, ambos o piden a berros".

Para Lorena Rei "o poemario é un compendio de ilusións unidas polo gusto pola poesía e as palabras. Foi realmente gratificante colaborar con grandes poetas da literatura galega que supoñen unha chama viva da nosa lírica".

Pola súa banda, Suso Díaz destacou do libro,  que conta cun total de 42 poemas, ademáis dos seis de Lorca, "a orixinal idea de crear poemas en conxunto, en grupos de seis poetas, o que supón seis poemas construídos a partir das achegas de poetas ben distintos, co que iso supón de dificultade á hora de darlle un sentido ao poema e certa musicalidade aos versos".

No poemario, editado por Biblos Clube de Lectura  de A Coruña e cuxa portada é obra de Xosé Vizoso, participaron: Marica Campo, Fernández Naval, Lavandeira, Rábade Paredes e Miro Villar. Modesto Fraga (coord.) con Rocío Branco, Alfredo Ferreiro, Alexandre Nerium, Enma Pedreira e Rivadulla Corcón; Marta Dacosta (coord.), con Xosé María Álvarez Cáccamo, Ledicia Costas, Paco Souto, Eva Veiga e Rafa Vilar; Yolanda Castaño (coord..), con Lucía Aldao, Xiana Arias Rego, Olalla Cociña, Gonzalo Hermo e María Lado; Suso Díaz (coord.), con Miguel Ángel Alonso Diz, Xoán Carlos Domínguez, Baldo Ramos, Lorena Rei e Noelia Rodríguez; e Lucía Novas (coord.), con Alba Cid, Xosé Daniel Costas, Rosa Enríquez, Míriam Ferradáns e Ismael Ramos;  e os artistas plásticos: Nolo Suárez, Viki Rivadulla, Alfonso Costa, Marita Martín Carmona, Irene Silva Xiráldez, e Antón Sobral.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes