Presentada "Olga. Revista de Poesía Galega en Madrid" creada por Sabino Torres e na que participan Araguas, Yáñez e Pereira

O acto celebrouse na Casa de Galicia en Madrid e foi tamén homenaxe ao insigne editor e poeta pontevedrés recentemente falecido
Madrid, 28 de xuño de 2016.-

A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a presentación do primeiro número de "Olga.Revista de Poesía Galega en Madrid", creada polo editor e poeta Sabino Torres, falecido hai pouco máis dun mes (24 de maio), que foi tamén unha emotiva homenaxe á súa persoa. No acto, ao que acudiron parte da súa familia, a súa filla María Torres, os seus sobriños Gerardo e Francis Lorenzo e a súa neta Laura Mundo Torres,  interviñeron o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López; así como os poetas Vicente Araguas, Rafael Yáñez e Manuel Pereira, director, subdirector e secretario de redacción respectivamente de Olga . Ademais houbo un recital poético a cargo dos colaboradores deste primeiro número.

Nas súas palabras, Jiménez lembrou ao "querido editor e escritor Sabino Torres, que tanto honrou coa súa presenza esta Casa durante tantos anos", dixo. "Aquí viña con frecuencia con Borobó,  e seguiu vindo despois da desaparición física deste gran amigo seu. Ambos se atopaban como na súa casa -e é que realmente o era-, e déixannos unha infinidade de valiosos recordos".  Tamén evocou a homenaxe a Sabino  realizado "hai pouco máis dun ano nesta mesma Sala, ao que asistiu, e no que houbo moitas sorpresas, incluída a proxección de parte da película La gran truchada, na que puidemos ver a actuación do mozo Sabino co estilo dun auténtico galán de cinema"..."Estou seguro de que desde onde agora estea, asistirá compracido a esta velada de botadura do  barco poético Olga, belo nome que a min suxíreme tamén un longo río de palabras, é dicir coma se nave e elemento polo que esta se despraza puidesen ser nos momentos cume da poética singradura una mesma cousa". 

Vicente Araguas explicou que Olga, é "unha pegada na neve, ademais de hermosísimo nome de muller, -valente, afoutada, en ruso-". Comentou ademais que "OLGA quere ser canle de expresión dos poetas galegos en Madrid, máis aberto cara ao mundo da galeguidade". Para o director da publicación esta primeira saída e presentación de Olga quere homenaxear "ao inmenso Sabino Torres, un home tan lanzal, sensible e dandi cal Olga quere ser".

Para Rafael Yáñez, "É un proxecto que nos ten a todos moi ilusionados, porque entre outras cousas, fía a tradición poética de Galicia cos novos tempos do século XXI".

Para Manuel Pereira, "A Revista é seguir o ronsel de entusiasmo e vitalidade iniciada por Sabino Torres".

No acto, ao que acudiron preto dun centenar de persoas, tamén se proxectou  un audiovisual con imaxes de Sabino.

Sabino Torres Ferrer naceu en Pontevedra o 24 de xuño de 1924 e faleceu en Madrid o 24 de maio de 2016. Xornalista, editor e poeta era membro da Real Academia Galega. Iniciou a súa actividade xornalística con Emilio Canda Pérez e Celso Emilio Ferreiro, en 1943, na revista Finisterre. En 1949 editou a colección Benito Soto con Manuel Acuña Novas e Emilio Álvarez Negreira. En 1953 creou o Seminario Litoral do que foi redactor xefe e subdirector. En 1992 fundou a colección poética Hipocampo Amigo con Emilio Álvarez Negreira. Ademais foi responsable da colección Benito Soto, a primeira que publicou poesía galega durante a época da ditadura.

A Revista Olga foi a súa última creación, xunto ao Grupo Bilbao composto por unha vintena de poetas galegos en Madrid que se reunían no Café Comercial (agora pechado) sito na glorieta de Bilbao da que adoptaron o seu nome.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes